Afundación abre as inscricións para as visitas guiadas de público escolar (ESO, bacharelato, ciclos formativos e universidade) e de familias, as fins de semana, á exposición internacional e interactiva AI: More than Human na súa sede da Coruña. Este proxecto, creado polo Barbican Centre de Londres e coproducido polo Forum Groningen de Países Baixos, poderase visitar na ata o vindeiro 5 de febreiro.
Cuns programas didácticos especialmente deseñados para cada unha das etapas formativas, a área Educativa de Afundación confeccionou un percorrido polas catro salgas da mostra de maneira que os estudantes participantes en cada unha das visitas poidan contextualizar desde a base histórica dos principios da intelixencia artificial, ata os desenvolvementos posteriores que, hoxe en día, teñen un impacto profundo na nosa vida diaria e no deseño dun futuro non moi afastado.
Así, a partir dos postulados teóricos de mentes brillantes como Ada Lovelace, Charles Babbage ou Alan Turing xa no segundo terzo do século XX, poderase apreciar a contribución desta tecnoloxía aplicada, por exemplo, ás ciencias sanitarias. Ademais, poderase interactuar con instalacións e elementos singulares como a recreación do cheiro dunha planta extinta, a creación dun poema a partir dunha palabra aleatoria, a confrontación co eu sintético do futuro, unha especie de videoxogo sobre unha realidade futura na que o traballo é asumido pola AI ou un can robot que reacciona ante a cor rosa, e a existencia ou ausencia de demostracións de afecto. E todos estes aspectos entrarán tamén no necesario e interesante debate sobre a ética na AI e os determinados prexuízos ou malos usos que, en función dos parámetros de base aplicados, poidan detectarse nos deseños.
Así mesmo, cada día de luns a domingo, están dispoñibles visitas guiadas para público xeral, reservándose as mañás dos sábados e domingos para público familiar, con visitas especialmente adaptadas a menores de 12 anos.
Información e reservas da visita xeral en Ataquilla.com. Para as visitas guiadas de escolares, asociacións e grupos particulares de mínimo 15 persoas concertarase cita previa no teléfono 981 135 060 ou en areaeducativacoruna@afundacion.org.
Ábrese a inscrición para visitas escolares para a exposición AI: More than Human
Compartir Este Artigo
