
O paquete de medidas foi acordado nunha reunión na que tamén participou David Lemos González, director comercial da empresa AirCO2, nova firma pontevedresa que foi seleccionada para ocupar un dos stands da carpa da praza de España esta fin de semana. Segundo informou Lemos González, AirCO2 é “a primeira green fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que pon en contacto a empresas que precisan compensar a súa pegada de carbono con persoas propietarias forestais que poden compensala e ao tempo conseguir rendibilizar o seu monte”.
Segundo explica o concelleiro socialista Iván Puentes, “o Pont Up quere subliñar nesta edición o seu compromiso co desenvolvemento sustentable e a loita contra o cambio climático e, por primeira vez, en colaboración cunha firma pontevedresa, vai calcular a pegada de carbono, é dicir, o conxunto de emisión de CO2 que deixa a súa celebración na cidade, coa vontade de tentar neutralizar esa pegada e de eliminar ese carbono posteriormente con diversas actividades medioambientais”.
Unha vez remate o evento e se poidan facer os cálculos exactos das emisións que supuxo a súa celebración, a Concellería poderá calcular, cos técnicos municipais, cantas árbores cumpriría plantar ou que accións de mantemento de zonas verdes da cidade poderían efectuarse para destruír ese carbono, convertelo en osíxeno e neutralizar esas emisións de CO2 á atmosfera.
A Pont-Up Store é unha iniciativa da Universidade de Vigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store.
A feira Pont-Up Store compensará a súa pegada de carbono en Pontevedra
Compartir Este Artigo

