Investigadores do CITIC presentaron os seus avances sobre robótica cognitiva na Conferencia Internacional do IEEE sobre Desenvolvemento e Aprendizaxe (ICDL) de Londres. Máis polo miúdo, Richard J. Duro e Alejandro Romero, da área de Intelixencia Artificial do CITIC da UDC, deron a coñecer os detalles dun proxecto de nova arquitectura xerárquica (H-GRAIL) que selecciona os obxectivos para alcanzar en base a motivacións intrínsecas.
Como dixemos o traballo foi presentado por ambos investigadores na Conferencia Internacional do IEEE sobre Desenvolvemento e Aprendizaxe (ICDL) 2022, que se celebrou a pasada semana en Londres, un encontro de profesionais adicados ao avance da aprendizaxe cognitiva que reuniu especialistas en informática, robótica, psicoloxía e ciencias do desenvolvemento de todo o mundo.
O estudo dos investigadores do CITIC, titulado Autonomous Learning of Multiple Curricula with Non-stationary Interdependencies foi realizado en colaboración co Institute of Cognitive Sciences and Technologies de Roma, Gianluca Baldassarre e Vieri Giuliano Santucci. Nel incídese en que a aprendizaxe autónoma aberta é un enfoque relevante na aprendizaxe automática e a robótica, que permite o deseño de axentes artificiais capaces de adquirir obxectivos e habilidades motoras sen necesidade de que o usuario lles asigne tarefas. Unha cuestión crucial para este enfoque é desenvolver estratexias que garantan que os axentes poidan maximizar a súa competencia no maior número posible de tarefas no menor tempo posible.
O novo sistema H-GRAIL proposto polos investigadores do CITIC engade unha nova capa de aprendizaxe para almacenar as secuencias de tarefas adquiridas de forma autónoma e con vistas a poder modificalas no caso de que as interdependencias sexan non estacionarias. Todos os sistemas próbanse nunha contorna robótica simulada e real con diferentes escenarios experimentais que implican diversas tarefas con dependencias.
Investigadores do CITIC presentan avances en robótica cognitiva no congreso internacional ICDL
Compartir Este Artigo

