A Deputación de Pontevedra, a través da iniciativa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana novas accións formativas online, da súa carteira de obradoiros, dirixidas a pequenas e medianas empresas, persoas autónomas, profesionais e cidadanía en xeral. Nos obradoiros desta semana os docentes explicarán que é o malware, a factura electrónica e o CRO, amais de botar luz sobre as principais ferramentas dixitais para hostalaría, a tecnoloxía de cadea bloques (blockchain), as bitcoins, os principais plans de mercadotecnia dixital ou o posicionamento SEO.
Este luns 19 de setembro, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, imparte o obradoiro Ciberseguridade – Que é o Malware, co que se inicia unha serie de talleres co obxectivo de dar a coñecer virus e outras ameazas e como podemos saber se estamos infectados dun destes programas maliciosos.
O martes 20, celebrarase a acción Como facturar electronicamente para as empresas e administracións públicas. Este obradoiro ten como obxectivo demostrar que a factura electrónica é unha solución máis económica e eficaz que a factura convencional, xa que permite reducir custos (papel, medios de comunicación, etc.) e tempo de xestión administrativa de calquera autónomo ou empresario. O encargado de conducilo será Jose Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia e especializado en sistemas informáticos.
O mércores 21 de setembro, na quenda da mañá, Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais impartirá o taller CRO: como mellorar as ventas da túa web. Neste obradoiro analizarase este concepto, aprenderase a identificar por que os usuarios non converten no sitio web ou o coñecemento de técnicas básicas para transformar visitantes en clientes. Pola tarde, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, achegará unha actividade formativa sobref erramentas dixitais para restauración e hostalería, elementos imprescindibles para a reapertura e a competitividade dos establecementos de restauración, xa que “aportan solucións para a promoción, comercialización, distribución, xestión, seguridade ou experiencia dos usuarios”, sinalan dende o programa SmartPEME.
O xoves 22 ofrécense tamén 2 obradoiros. O primeiro será Blockchain e criptomoedas pola mañá, co que se inicia unha serie de catro obradoiros informativos sobre a tecnoloxía de cadea de bloques. No primeiro destes obradoiros veremos en que consiste a tecnoloxía blockchain e como grazas a ela estamos ante o que se chama a Internet do valor: unha forma de transmitir valor a través da Rede. O obradoiro será impartido, de novo, polo experto Manuel Freire. A segunda formación será a partir das 17.00 h, na que Adrián Fernández, licenciado en Comunicación pola Universidade de Barcelona, ensinará que é un plan de mercadotecnia dixital, a súa importancia, para que serve e como crear o noso paso a paso cun exemplo real, no curso: O teu plan de marketing dixital paso a paso.
Finalmente, o venres 23 celebrarase o derradeiro dos obradoiros. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas versará sobre SEO para redes sociais. Neste taller ensinarase a mellorar o posicionamento SEO dunha web grazas ás redes sociais.
SmartPEME imparte esta semana sete novos obradoiros tecnolóxicos en liña
Compartir Este Artigo

