A Aula Newton Galicia, situada na Tecnópole de Ourense, comezou o ano abrindo os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, que se celebrará entre os meses de febreiro a xuño. Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun “enfoque totalmente práctico e moi innovador”.
A Aula Newton Galicia, que vai pola súa segunda edición, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Os centros educativos interesados en formar parte desta experiencia deberán inscribirse na web da Aula, que desenvolverá a súa actividade os xoves e os venres, de 10:00 a 13:00 horas. En cada xornada poden participar ata 32 rapaces e rapazas
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea, unha proposta formativa de gran demanda de participación que se viu reforzada cun novo simulador de voo, polo que nestes intres a Aula Newton xa dispón dun total de catro simuladores. Ademais, ampliouse o mobiliario da Aula, de xeito que en cada xornada pode haber ata un máximo de 32 participantes e un mínimo de 24.
A rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.
Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton
Compartir Este Artigo

