O Concello da Coruña autorizou a licitación do proxecto para instalar unha boia intelixente dotada dunha sonda multiparamétrica que axudará a avaliar a calidade da auga na praia de Oza. O obxecto é reforzar “a seguridade dos bañistas cunha monitoraxe en continuo”, informou o Goberno local, engadindo que o proxecto conta cun orzamento de 53.500 euros, co-financiado a un 80% con fondos europeos FEDER.
En concreto, o que se busca con este dispositivo é servir de complemento ao servizo de medición continua da calidade da auga xa habilitado dende a Administración local (dependente dos labores de recollida e análises), dando “un salto cualitativo para mellorar o estudo das augas nas praias urbanas da Coruña, aplicando un control máis exhaustivo, precoz e prolongado no tempo”. Así, achegaranse lecturas instantáneas sen agardar aos resultados das análises e coa vontade de que este seguimento sexa permanente e complementario aos traballos de mostraxe.
O Concello explica tamén que a boia intelixente da praia de Oza “será a primeira desta índole que se instalará en Galicia”, e permitirá analizar, en tempo real, parámetros como a concentración de microorganismos, bacterias ou patóxenos, pero tamén a presencia de restos orgánicos. En caso de detectarse algunha anomalía ou alteracións nos índices de calidade da auga, este novo dispositivo tecnolóxico emitirá un aviso ao equipo de seguimento, “o que permitirá axilizar a toma de decisións no referente á prevención e seguridade nas zonas de baño”.
O contrato que saíu a licitación para dotar á praia de Oza esta boia intelixente abrangue tres equipamentos diferenciados: unha sonda multiparamétrica para a análise da auga; a propia boia; e, por último, un software de xestión.
O software de xestión para este proxecto contempla a recepción de datos en tempo real, o control en remoto dos sistemas de acendido e apagado da boia e a creación de gráficas e históricos coa evolución dos parámetros da calidade da auga na praia de Oza.
A praia de Oza, na Coruña, contará cunha boia intelixente para controlar a calidade da auga
Compartir Este Artigo

