O ano 2022 foi un ano decisivo para o concello de Rianxo en materia de cobertura de fibra óptica avanzada e Internet de banda larga para as contornas rurais e urbanas. Segundo informaron fontes do Consistorio, a colaboración establecida entre a Administración local e a operadora neutra Redeaberta.gal “tornou efectiva en boa parte das parroquias de Rianxo, Taragoña e Leiro”. Fíxoo coa despregadura incial da dita tecnoloxía FTTH (Fibra Até o Fogar polas súas siglas en inglés) e coa captación dos primeiros clientes.
A empresa instaladora de RedeAberta, Vento Rede, adxudicataria dos incentivos do programa Ünico-Banda Larga (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) para completar a cobertura en varios municipios da provincia da Coruña, foi como dixemos a encargada de realizar os traballos de subministro de equipamento en Rianxo.
Como consecuencia, RedeAberta vaise estender á totalidade dos núcleos de poboación do municipio rianxeiro. O Concello explicou que “para facilitar a chegada ás poboacións máis remotas, estase a explorar un acordo de colaboración para o uso dalgunhas infraestruturas municipais, como os postes de alumeado público, para a extensión da rede, o que permitirá achegar a fibra óptica ata os lugares de Cerqueiras, O Vilar, Varela e Campelo, entre outros”.
A data prevista para a finalización desta ampliación é abril de 2023.
O Concello de Rianxo aproveitou a comunicación destes datos para pedir a colaboración da veciñanza con vistas a “permitir e facilitar o tendido dos fíos de fibra óptica polos espazos regulados, como fachadas, postes e arquetas, así como o acceso dos operadores para a instalación cando están situados en propiedade privada, xa que é este un servizo que beneficia ao conxunto da veciñanza”.
O servizo de fibra óptica de RedeAberta pódese contratar a través dos operadores seguintes, ademais doutros servizos de telefonía móbil, sen fíos e televisión que ofrecen:
FibraRianxo / Pizpireta Telecom
A Túa Xanela
Toxo Telecom
Juifi Telecom
Grelo Comunicacións
Evoa
Aurea Telecom
Itegal
ItSarria
Bit Telecom
Avanza a banda larga en Rianxo grazas á despregadura de Rede Aberta
Compartir Este Artigo

