A Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía de Vigo acollerá entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo a 23ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, encontro organizado polos estudantes das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Industrias e Minas e Enerxía, feito este que marca a diferenza con respecto a outros eventos deste carácter no eido universitario nacional, segundo María Purriños Paz e Camilo Piñón Branco, coordinadora xeral e coordinador de comunicación deste ano.
Indo ao Foro en cuestión, unha das novidades desta volta será a maior presenza dos workshops, permitindo que se estendan ata a hora e media de duración, contando este ano co apoio de 40 colaboradores e colaboradoras. O Foro Tecnolóxico de Emprego segue a ter, logo de 23 anos de existencia, o mesmo alicerce que é o de crear pontes entre a universidade e o mundo laboral, servindo de orientación nos primeiros pasos da carreira profesional do estudantado. O evento, que nesta edición se celebrará de martes a xoves, introduce melloras nos procesos de organización interna indo á procura dunha mellor experiencia para os novos colaboradores, as empresas e o alumnado das escolas asistentes.
E cales son os motivos para asistir a este Foro Tecnolóxico de Emprego? O máis salientable é que esta xuntanza pode converterse nunha primeira aproximación ao mundo laboral, achegándose a potenciais empregadores e empresas de diversos sectores da enxeñaría de Galicia no que os e as estudantes poden realizar prácticas, traballos de fin de grao, ou mesmo atopar o seu primeiro emprego despois da graduación. Asemade, pódense obter consellos de profesionais experimentados no ámbito da enxeñaría e establecer contactos, estas son outras razóns que dende a organización apuntan para asistir ao Foro; ás que engaden “a oportunidade de que o alumnado comece as prácticas soft skills, como son a comunicación en público ao interactuar coas empresas ou a creación do seu primeiro currículo e perfil de LinkedIn”, entre outras.
O Foro Tecnolóxico de Emprego celebrarase do 28 de febreiro ao 2 de marzo
Compartir Este Artigo

