A Deputación de Pontevedra vén de dar un empuxón aos seus programas de transformación do comercio de proximidade: Da túa man, de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e Commerce Inside, de fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas, os dous financiados con Fondos Next Generation.
En concreto, a entidade aprobou a adxudicación dos contratos para subministrar aos concellos participantes nos proxectos de ferramentas para impulsar o packaging sustentable e as illas ecolóxicas cun investimento total de 775.610 euros.
“Buscamos converter as zonas comerciais en espazos identificables que, ademais, conten cun valor engadido, porque poderán ‘presumir’ de apostar por un comercio de proximidade que é sustentable e dixital”., asegurou a presidenta d Deputación, Carmela Silva.
Estes novos contratos son un paso máis no percorrido dos proxectos Commerce Inside e Da túa man, a través dos cales xa se desenvolveron, ou están agora en marcha, outras actuacións como unha campaña de comunicación en soportes dixitais; o embelecemento das zonas comerciais coa habilitación de espazos axardinados de descanso que garantan a accesibilidade universal, próximas ás áreas comerciais, ou a sinalización corporativa para o comercio de proximidade. Ademais, estase a dotar aos concellos participantes de tótems interactivos, puntos Wi-Fi en zonas comerciais, sistemas de recollida de pedidos, puntos de recollida intelixentes ou plataformas de xestión de áreas comerciais, entre outras.
A Deputación de Pontevedra reforza os seus proxectos de transformación do comercio de proximidade
Compartir Este Artigo

