A Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) convocaron a segunda edición de Galicia Avanza, programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de alicerce tecnolóxico. As solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da páxina web da Tecnópole. As pemes seleccionadas contarán cun programa integral de apoio para espallar a súa actividade a novos mercados. Terá un prazo de oito meses.
Segundo informou a Consellería de Economía, da que dependen GAIN e o IGAPE, o obxectivo deste programa de aceleración, xestionado e coordinado pola Tecnópole de Ourense, é “que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible”. Traballarase na protección das marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como en avanzar na senda da innovación ou incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Criterios de selección
Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase “o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior”. Ademais, como novidade nesta edición incentivarase a participación de empresas que non teñan axudas previas da GAIN e de Tecnópole e a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.
Itinerarios personalizados para cada empresa
Galicia Avanza ofrece un programa de apoio á internacionalización de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024 con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de mercadotecnia, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas tamén poderán acceder a servizos de mentoring, asesoramento e capacitación e formación comercial e técnica ao longo do programa.
Durante os primeiros dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a firma levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento deles.
Na primeira edición deste programa, recibíronse 42 solicitudes de participación das que foron seleccionadas 30 de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a automoción ou o aeroespacial.
GAIN, IGAPE e Tecnópole abren o prazo da segunda edición de Galicia Avanza
Compartir Este Artigo

