A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá este venres 27 de xaneiro a conferencia A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado coa finalidade de analizar os efectos da transformación dixital nas organizacións públicas.
A conferencia terá lugar na sede da EGAP en Santiago entre as 12.30 e 14.00 horas, e participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez.
O catedrático Manuel Arenilla Sáez é autor do libro La Administración digital no que analiza a revolución dixital como unha oportunidade para refundar a Administración pública que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade.
Esta conferencia inicia o foro Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado e enmárcase dentro das actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) creado no 2022 para formar e investigar en aspectos económicos nucleares do sector público.
A EGAP acolle este venres unha conferencia sobre as implicacións da dixitalización pública e privada
Compartir Este Artigo

