Movistar fixo balance do logrado en 2022 en materia de cobertura 5G para os concellos galegos. Segundo explicaron fontes da operadora, a empresa de telecomunicacións foi quen de pechar o ano con 145 municipios de Galicia dispoñendo da dita tecnoloxía móbil na banda de 700 MHz. O obxectivo da compañía foi (e será) “dotar de ultras banda larga (fibra e/ou 5G) a todo o territorio nos dous próximos anos”. Por provincias, A Coruña conta xa con 54 municipios con este tipo de cobertura, seguida de Pontevedra, con 35, Lugo con 28 e Ourense con 28.
Movistar, acerca das vantaxes e implicacións desta cobertura, lembra que a banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, ten “unha maior penetración en interiores e universaliza algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia”. E engade: “É o complemento para a banda de 3,5 Ghz na que tamén opera Movistar, idónea para servizos que precisan de moi alta velocidade de transmisión, aínda que o seu alcance é menor e atravesa peor os obstáculos, como as paredes dos edificios, algo que si posibilita o sinal na banda de 700 MHz”.
Telefónica completou recentemente o seu espectro 5G coa adquisición de 5 bloques de 200 MHz na banda de 2,6 Ghz por un importe total de 20 millóns de euros, sendo a maior adxudicataria no proceso de licitación.
Tal e como destaca Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento da Rede de Telefónica España, “o 2022 foi o ano no que demos un impulso moi importante ao despregadura da 5G tanto na banda de 700 MHz, onde cumprimos o fito de ter o 30% dos municipios de máis de 20.000 habitantes perfectamente cubertos, como na banda de 3,5GHz na que tamén fixemos un gran esforzo que seguirá en 2023, xa que esta banda é fundamental para dar aos clientes altas prestacións 5G”
Fontes de Movistar engadiron que o despregamento da 5G nas zonas rurais (por baixo de 10.000 habitantes) “estará condicionado á dispoñibilidade das axudas públicas provenientes dos fondos Next Generation para este fin”.
Movistar pechou 2022 con 145 municipios de Galicia con cobertura 5G de 700 MHz
Compartir Este Artigo

