Lugo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico, estrea nova web. Podemos vela en lugocapitaldacultura.com, un sitio en liña a través do cal a cidadanía poderá atopar información actualizada sobre as actividades e eventos que acollerá o municipio, de febreiro a novembro, con motivo desta cita transfronteiriza. Na web figuran detalladas máis de 30 programas diferentes durante este 2023 e máis dun centenar de actividades referenciais de todas as disciplinas culturais e artísticas. A páxina tamén acubilla actividades de nova creación, xunto con outras xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs, o San Froilán ou o Caudal Fest.
Nesta páxina tamén se atopa dispoñible información sobre os grandes eventos que se celebran na cidade; os seus tres Patrimonios da Humanidade; os museos e centros culturais de Lugo; así como información sobre outros lugares de interese no municipio e diferentes rutas de sendeirismo.
O Concello de Lugo engadiu que o Auditorio Gustavo Freire acollerá o vindeiro xoves 23 de febreiro, a partir das 19:30 horas, o evento inaugural da sétima edición da Capital da Cultura do Eixo Atlántico (collendo a cidade da Muralla o relevo de Braga) cos concertos do lucense Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga.
A programación desenvolverase ata novembro e contempla non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbanoss e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos. Tamén incluirá actividades xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest.
A capitalidade cultural de Lugo no Eixo Atlántico conta con nova web
Compartir Este Artigo

