FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega) organiza o vindeiro 9 de marzo, na súa sede de Santiago de Compostela, un evento centrado en innovación e a transformación tecnolóxica do sector agroalimentario. O programa inclúe presentacións dos principais resultados e conclusións de diferentes proxectos de innovación que teñen como último obxectivo o benestar animal e humano.
Nun plano máis concreto, tocaranse temas como as medidas que se poden poñer en marcha para reducir o uso de antimicrobianos e a resistencia aos antibióticos, ou para o desenvolvemento de ingredientes ricos en proteína como alternativa á soia e á carne. Presentaranse proxectos de innovación como TIRAC, enfocado na redución de antibióticos fronte a problemas dixestivos nos coellos de cebo a través de diferentes estratexias nutricionais como o equilibrio no nivel de fibra solúbel/insolúbel ademais da incorporación de algas e extractos de algas, ou Micoalga, que acolleu o desenvolvemento de pensos complementados con fungos e microalgas con efecto antimicrobiano, inmunomodulador e antiinflamatorio, e avaliado como alimentación en gandería avícola.
Doutra banda, tamén achegarán resultados os socios do proxecto ProteinLeg, logo do seu traballo para dar forma a proteínas alimentarias de alta calidade mediante a produción e procesamento sustentables de cultivo de leguminosas.
Ademais das presentacións destes proxectos por parte das entidades participantes, contarase durante o foro con relatorios de relevancia no sector: Begoña Pascual, xefa de Área da SG. de Innovación e dixitalización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Bruno González, director da Unidade de Resistencia Antimicrobiana da Universidade Complutense de Madrid e Sheila Alves, responsable de investigación en Teagasc, Irlanda.
O foro, segundo explica FEUGA, “permitirá aos asistentes, ademais de coñecer estas iniciativas innovadoras, manterse ao día das oportunidades e políticas en materia de innovación así como contactar e interactuar cun amplo número de entidades para explorar posibilidades de colaboración conxuntas que conduzan a novos proxectos e iniciativas”. Ofrecerase a posibilidade de conexión online para aqueles interesados que non puidesen acudir ao evento de maneira presencial.
FEUGA celebra na súa sede de Santiago un foro de innovación agroalimentaria
Compartir Este Artigo

