Vitae Consultores, a través do formato de aula virtual, vai organizar esta primavera a segunda edición dunha actividade formativa moi indicada para os profesionais que queiran mellorar o seu traballo diario, as empresas que desexen optimizar a súa xestión e os desenvolvedores de programas e ferramentas que busquen avanzar en excelencia, en axilidade e en sinxeleza. Trátase do curso Microsoft Power Automate, 2ª edición, de 18 horas de contidos, que se celebra os días 17, 19, 20, 24, 26 e 27 de abril.
Segundo explican dende Vitae, Power Automate é unha plataforma de código baixo única, que abrangue tanto a Office 365, como o paquete Dynamics 365, como o Azure como aplicacións de tipo independente.
Neste curso en cuestión afondarase nas posibilidades da plataforma de Microsoft, un servizo que permite a automatización integral do noso día a día profesional e serve como un compoñente crucial da Power Platform. Ademais, está deseñada para un emprego sinxelo e cómodo entre usuarios empresariais ou departamentais, e entre a crecente comunidade de desenvolvedores do mundo. Tamén ofrece a funcionalidade necesaria para programadores experimentados.
Power Automate, salienta Viate, está deseñada para admitir e satisfacer as necesidades dos equipos e administradores de TI modernos, automatizando funcións de Tecnoloxías da Información cotiás ata proporcionar seguridade, cumprimento e control sobre o uso e sobre a execución de Power Automate en todo o ecosistema de TI.
“Power Automate pódese empregar para a realización de tarefas sinxelas, como a entrega programada de correos electrónicos, ou para integrarse sen problemas con aplicacións empresariais, e tamén para mellorar e automatizar procesos que son complexos para os administradores de TI”.
Os obxectivos do curso pasan polo seguinte: “Aprender as capacidades de automatización de tarefas que ofrece Power Automate (antigo Flow) dentro dos ecosistemas de Microsoft, dende os conceptos básicos ata aspectos máis avanzados”.
O formador encargado de impartir estes contidos será David Bodero, consultor en tecnoloxía e desenvolvedor informático, con sete anos en postos de responsabilidade como xestor empresarial. Ten experiencia internacional de tres anos e de cinco na supervisión e dirección de equipos multiculturais de ata 30 persoas. É un adestrador experimentado en contornas presenciais e telepresenciais, conta con máis de 1.500 horas impartidas, sobre todo en cursos relacionados con ferramentas de produtividade (Microsoft Office), sistemas e programación. Entre as empresas que formou ou asesorou atópanse ASIME, La Voz de Galicia, PSA Citroen, Plexus, Softek, Vector ou CLUN.
Vitae capacítanos en abril nas funcionalidades de Microsoft Power Automate
Compartir Este Artigo

