A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, na que participan as comunidades autónomas de Galicia, Euskadi, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana, celebrou este martes 28 de marzo, na sede da Consellería de Fondos Europeos, Universidade e Cultura de Baleares, a súa reunión ordinaria anual para abordar diferentes temas de interese e deseñar e coordinar accións conxuntas de promoción das súas linguas propias, centrándose especialmente no traballo das plataformas audiovisuais.
Durante a xuntanza, na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a comisión acordou dirixir un escrito ás principais plataformas de contidos audiovisuais para trasladarlles a importancia da existencia dunha oferta suficiente de produtos dobrados ou subtitulados nas linguas propias de cada territorio.
Os integrantes da comisión recalcaron a relevancia da colaboración co sector audiovisual no traballo pola diversidade lingüística recoñecendo os avances recentes neste eido, entre os que destacan a publicación en Netflix de máis de 70 títulos dobrados ou subtitulados nas linguas cooficiais ou a colaboración que a Xunta de Galicia mantén con Prime Video para aumentar a inclusión de producións audiovisuais en galego na plataforma. A raíz destes avances, a comisión insistiu “na necesidade de seguir por este camiño, aumentando a oferta audiovisual nas linguas cooficiais e sumando plataformas á iniciativa”.
Tamén se deu conta da reunión mantida con RTVE para solicitar ao ente público novas medidas que inclúan a oferta dos seus contidos en linguas oficiais diferentes do castelán, en cumprimento da Lei xeral de comunicación audiovisual, especialmente na canle Clan, dirixida á cativada.
Outros temas
Outros temas tratados na reunión foron a habilitación de tradutores xurados; a definición da proposta de coedición de libros nas linguas oficiais do Estado, enmarcado dentro do novo currículo educativo; o estado da cuestión do proxecto Online Language Support de Erasmus+, presentado ante o Parlamento Europeo o pasado febreiro para solicitar a inclusión das linguas cooficiais nesta aplicación en liña; o posicionamento das linguas nos resultados dos motores de busca en Internet, que relegan os resultados obtidos nas linguas oficiais distintas do castelán; a reforma dos plans de estudo dos graos de docentes de infantil e primaria, ou a solicitude de modificación das bases do Programa Kit Digital, dirixido ás pemes, para que se poidan financiar os proxectos desenvolvidos en todas as linguas oficiais do Estado, así como o plan de traballo conxunto de cara ao ano 2024.
O protocolo
A Xunta de Galicia, o Goberno vasco e a Generalitat de Cataluña asinaron en 2007 o Protocolo xeral de colaboración en materia de política lingüística, ao que posteriormente se adheriron o Goberno das Illas Baleares e, en 2017, a Generalitat Valenciana e o Gobierno de Navarra. Constitúe o primeiro marco de colaboración de todas as comunidades autónomas con lingua propia que teñen status de oficialidade nos termos establecidos nos correspondentes estatutos de autonomía.
Galicia participa na fronte de comunidades pola diversidade lingüística nas plataformas
Compartir Este Artigo

