A Xunta, a través da axencia AGADIC, vén de resolver a adxudicación de 2M€ en axudas a 42 empresas culturais galegas para a adquisición de novos equipamentos que, en palabras da entidade que dirixe Jacobo Sutil, “reverterán directamente nunha maior competitividade e nivel de innovación do sector na nosa Comunidade”. As contías outorgadas destinaranse a nova maquinaria, pantallas, cámaras, sistemas de son e iluminación e servizos de software, entre outros activos, así como para obras de acondicionamento de escenarios de rodaxe, estudios e outras instalacións técnicas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou este luns 3 de abril as instalacións dos estudios de dobraxe Cinemar no Polígono Novo Milladoiro, en Ames, que recibiu máis de 96.800 euros a través desta canle de financiamento. A concesión posibilitaralles accións de mellora en tres das súas salas de traballo, o que lles permitirá duplicar a súa capacidade de produción, así como prestar un servizo conforme aos últimos requirimentos tecnolóxicos das plataformas.
Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (en formato PDF), as empresas subvencionadas desenvolven a súa actividade maioritariamente nos ámbitos do audiovisual, a música, as artes escénicas, a loxística e a produción de espectáculos. Non se inclúen nesta relación as salas de cine, de artes escénicas e de música, que xa contan con liñas específicas de axudas neste mesmo sentido.
Así, ademais de Cinemar, figuran como adxudicatarias CTV, Emsac, Tex45, Work on Sunday, Ainé, Kachet, Ficción, PlayPlan Cultural, Undodez, Gaita Films, Nalgures, Zeitun Films, Chiripa, Mondotropo, Etiqueta Negra, Mirameria, Producións Teatrais Excéntricas, Tanxarina, Abano ou Pistacatro, entre outras compañías e produtoras.
Coas contías adxudicadas, que van dos 15.000 aos 100.000 euros por empresa, a Xunta asume ata o 80% do gasto subvencionable dos proxectos de inversión beneficiarios, que teñen un orzamento mínimo de 25.000 euros en cada caso.
A modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais centran, así mesmo, outras liñas de axudas da Xunta dirixidas a espazos de exhibición de artes escénicas e musicais e a salas de cinema, Así, en 2022 adxudicáronse 1,2 millóns de euros dos Fondos Next Generation da UE para a mellora de 46 teatros, auditorios e salas de toda a Comunidade, 26 deles privados e 20 de titularidade pública. A segunda convocatoria desta liña de apoio atópase nestes momentos en fase de resolución cara á adxudicación dun novo investimento de preto de 890.000 euros.
En canto ás salas de cinema, a convocatoria deste ano mantén a dotación de 500.000 euros respecto ao ano pasado, no que se contribuíu á modernización e funcionamento dixital e sustentable de 16 espazos de exhibición cinematográfica de toda Galicia.
AGADIC impulsa a transformación do sector cultural con 2 millóns de euros en axudas
Compartir Este Artigo

