O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, entregou na mañá deste 10 de abril o recoñecemento de excelencia aos mestrados (masters) en Matemática Industrial, impartido conxuntamente polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo; en Computación de Altas Prestacións, das universidades da Coruña e Santiago; e en Produción Xornalística e Audiovisual, da Universidade da Coruña.
No acto, os reitores da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; de Santiago de Compostela, Antonio López; e da Coruña, Julio Abalde, recibiron as felicitacións do conselleiro polas elevadas puntuacións que as titulacións recoñecidas acadaron en todos os aspectos valorados, o que reflicte “o seu nivel de solvencia científica, técnica e formativa”.
A UDC acada con estes recoñecementos o nivel de excelencia nun total de sete mestrados. Aos obtidos este 10 de abril, suma os recoñecidos o ano pasado, o Mestrado en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética e o Mestrado en Enxeñaría Informática.
Nesa edición, a USC acadouno para o Mestrado en Enxeñaría Ambiental. Este selo pioneiro repartiu tamén varias mencións no primeiro ano da súa implantación, en 2021, data en que o conseguiron os mestrados en Bioinformática para Ciencias da Saúde, da UDC; en Biotecnoloxía Avanzada, conxunto entre a UVigo e a UDC; e en Tradución para a Comunicación Internacional, da UVigo.
A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia acredita, segundo explican desde a Consellería, “o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento” e “supón unha garantía de futuro para os estudantes”. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario.
Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais da titulación como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.
O Mestrado en Computación de Altas Prestacións
O Mestrado en Computación de Altas Prestacións (Máster en Computación de Altas Prestacións), organizado polas universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, xunto co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), especializa aos alumnos nunha temática tan importante na actualidade como é o High Performance Computing (HPC).
O HPC está relacionado con temas tan de moda como os procesadores multinúcleo (antigamente específicos de grandes equipos informáticos, pero hoxe en día presentes en PC, tabletas ou teléfonos móbiles), a computación na nube (Cloud Computing) ou o chamado Big Data (análise de información a gran escala).
Neste mestrado colaboran empresas multinacionais tan importantes como IBM, HP, Atos, Fujitsu, AMD, Amazon Web Services ou Gompute, así como o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A Xunta distingue a excelencia do Mestrado en Computación das Altas Prestacións (UDC e USC)
Compartir Este Artigo

