Dende este luns 10 de abril está aberto o prazo de matrícula nos 22 cursos que conforman a oitava edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero, unha iniciativa da Unidade de Igualdade da UVigo que busca impulsar e mellorar a formación en xénero de toda a comunidade universitaria. O prazo está aberto ata o vindeiro 5 de maio e as persoas interesadas poderán matricularse en todos cantos cursos queiran, a elixir entre un catálogo de 22, tres dos cales se ofertan por primeira vez. Tocaranse temas candentes como os machismos dixitais, entre outras cuestións tecnolóxicas.
A matrícula farase por orde de inscrición ata completar o número máximo de prazas, que será de 120 persoas por curso, preferentemente para membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como PDI e PAS.
Os cursos, que contan co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, teñen como obxectivo, en palabras de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, “formar complementariamente a toda comunidade universitaria nos diferentes eidos relacionados co xénero, a fin de impulsar o avance cara unha sociedade realmente mais xusta e igualitaria”.
O catálogo de cursos foise ampliado progresivamente dende a primeira edición, que se lanzou en marzo de 2020, en pleno confinamento. Conformada por nove cursos, esta experiencia piloto acadou un “destacado éxito, con máis de 1200 persoas inscritas”, lembra Gómez. Dende ese momento xa se celebraron un total de sete edicións, ampliando e diversificando os contidos cada ano e, entre todas elas “xa se superaron as 7000 inscricións”.
Tres novidades
O catálogo de cursos desta oitava edición agrúpase en cinco temáticas. Un primeiro bloque, de introdución á formación en xénero, comprende cinco cursos: Introdución á perspectiva de xénero; Economía de xénero; A comunicación e o xénero e A perspectiva de xénero na educación.
Outro bloque céntrase na educación sexo-afectiva, e inclúe dúas formacións: Educación afectivo-sexual e Pensar o amor no século XXI.
Unha terceira temática xira arredor da ciencia, a tecnoloxía e o xénero e inclúe catro cursos: A dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC; Mulleres e ciencia; A inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación e Intelixencia artificial e xénero.
Un cuarto bloque aborda as políticas de igualdade con catro opcións formativas que van dende a normativa básica de xénero; o acoso sexual e acoso en función do sexo; a sustentabilidade da vida e a conciliación e corresponsabilidade e as políticas públicas de igualdade.
Finalmente, un derradeiro apartado pon o foco nas novas reflexións sobre o sexo/xénero e inclúe cinco cursos: O xénero e o sexo no século XXI; Novas masculinidades; Pornografía; A prostitución no marco do capitalismo neoliberal e Deconstruír o discurso prehistórico dende o feminismo.
A estes cursos, que xa se viñan impartindo en pasadas edicións, súmanse tres novas incorporacións ao catálogo que, segundo a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, poden resultar de “ grande interese”. A primeira novidade é un curso sobre a incorporación da perspectiva de xénero na docencia universitaria, que será impartido pola profesora de Socioloxía da Universidad de Alicante María José Rodríguez Jaume.
A segunda novidade é un curso sobre o machismo dixital e a manoesfera, da man da profesora de socioloxía da Universidad Complutense de Madrid Elisa García Mingo, Esta é, segundo destaca a directora da Unidade de Igualdade, “unha opción especialmente innovadora que converterá a Universidade de Vigo na única do Estado en ofertar un curso sobre esta temática”.
Finalmente, a derradeira incorporación ao itinerario achegará ás e aos participantes a tres pensadoras na historia da teoría feminista da man da profesora de socioloxía Antía Pérez Caramés, da Universidade de Coruña. As tres figuras elixidas son a pensadora Mary Wollstonecraft, a teórica feminista Betty Friedan e a intelectual de Shulamith Firestone.
Abre a inscrición para a oitava edición do Itinerario Formativo Virtual en Xénero
Compartir Este Artigo

