Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, compareceu este venres 14 de abril no Parlamento (comisión cuarta) para, entre outras cousas, debullar os resultados obtidos polo Proxecto Nós, posto en marcha para consolidar e asegurar a presenza do galego no ámbito da Intelixencia Artificial, e para detallar os vindeiros avances ao abeiro deste proxecto. García, quen compareceu a petición propia, falou do Proxecto Nós, que no marco das estratexias galega, española e europea “persegue o desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso de todas as linguas na Intelixencia Artificial”.
Impulsado inicialmente pola Xunta (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Universidade de Santiago, o proxecto, ao que se sumarán proximamente as universidades da Coruña e de Vigo (UDC e UVigo), foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua. Durante este ano, aclarou, presentaranse os seus primeiros resultados para facilitar a presenza e uso do galego no actual panorama tecnolóxico, permitindo a súa incorporación en sistemas xa existentes e posibilitando así a interacción en lingua galega con todo tipo de dispositivos intelixentes.
Tamén avanzou que as ferramentas resultantes, como sistemas de síntese de voz ou de tradución automática, “poderán ser empregadas tanto por institucións públicas, organizacións e empresas como polo público xeral, potenciando desde modo o uso do galego no ámbito dixital e, polo tanto, nas novas interaccións sociais”.
Impulso do galego
O Proxecto Nós é unha iniciativa emarcada na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial que mobilizará un investimento de 15,5M€, “o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia”, sinalou Valentín García recentemente, quen tamén lembrou que se trata dun proxecto cuxo período de materialización será de catro anos.
De Nós abrollarán a curto e medio prazo seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística.
O obxectivo final polo que traballan os diferentes expertos do ámbito da lingua e da tecnoloxía é “permitir á cidadanía galega interactuar con asistentes de voz, contar coa subtitulación automática de contidos audiovisuais, cun apoio ao diagnóstico médico, con servizos de teleasistencia avanzada e coa tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, na nosa lingua”.

