Nesta mañá de luns 17 de abril, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, acudía a Xixón (Asturies) para participar na mesa redonda sobre fendas rexionais no marco do II Foro de Innovación e Desigualdade organizado pola Fundación COTEC para a Innovación na que expuxo as principais liñas de I+D+i en Galicia.
Pola súa banda, Argerey salientou a valía da especialización intelixente como ferramenta para a mellora da competitividade e a diminución da desigualdade, tratando de prestar especial atención ás prioridades que marca a Unión Europea para aumentar o impacto das políticas de I+D+i mediante a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia: a transición verde e dixital e co foco nas persoas.
Deste xeito, a directora da GAIN sinalou que un dos puntos fortes do ecosistema galego de innovación é o grao de cooperación das pemes (pequenas e medianas empresas) en materia de innovación. Así, Galicia no período 2004-2016 pasou de estar entre o 25% de rexións con firmas menos colaborativas da Unión Europea (UE) a formar parte do 50% de rexións máis colaborativas.
Asemade, á concentración dos recursos nos retos e tecnoloxías identificadas como prioritarias para Galicia, Patricia Argerey informou de que Galicia dispón dun mapa de apoios á I+D+i adaptado ás necesidades de cada un dos axentes do ecosistema galego de innovación, especialmente das pemes, a cada eido de especializacion e ás singularidades do territorio. Neste último caso, puxo como exemplo o Polo Aeroespacial de Galicia, con epicentro en Castro de Rei (Lugo).
Argerey quixo subliñar o papel da Contratación Pública de Innovación (CPI) na redución das desigualdades, na medida en que permite modernizar os servizos públicos e mellorar así a calidade de vida das persoas.
GAIN subliña en Xixón a importancia da especialización intelixente para as pemes
Compartir Este Artigo

