A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este 18 de abril ás 19:00 horas, no Edificio Francisco Sánchez de Tui, unha nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Porá o foco en Ponte nas Ondas!, iniciativa compartida de dous países irmáns, Galicia e Portugal, para preservar os seus tesouros inmateriais a través das novas canles de difusión, poñendo o foco en formatos innovadores e colaborativos (principalmente podcast, espazos web, audiovisuais ou redes sociais, entre outros).
Baixo o título Ponte… nas Ondas!: boas prácticas do patrimonio inmaterial, a actividade busca poñer en valor e divulgar a experiencia do proxecto do mesmo nome (PNO).
A xornada, organizada coa colaboración do Concello de Tui e de PNO, está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Santiago Veloso. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.
O programa
A sesión comezará co relatorio de Santiago Veloso, impulsor de Ponte… nas Ondas!, que achegará aos participantes ao modo en que xurdiu a iniciativa e os motivos que hai detrás da súa posta en marcha.
A continuación, Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa do Porto, afondará na candidatura ao Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Inmaterial da UNESCO, así como nas principais chaves que se teñen en conta para o recoñecemento desta práctica. A análise do patrimonio inmaterial nos espazos fronteirizos será o tema central sobre o que falará o profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro Xerardo Pereiro. Após as súas intervencións, os tres relatores participarán na mesa redonda O futuro dun proxecto compartido, moderada pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro.
Un modelo de ensinanza referente
O programa Ponte… nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural e pedagóxica co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
O proxecto é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura), de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.
Debido ao seu labor, no ano 2022 o proxecto Ponte…nas Ondas! foi inscrito no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. A revisión da súa candidatura, así como das actuacións levadas a cabo no seo do propio proxecto, serán cuestións sobre as que se profundará ao longo da xornada do CCG.
O CCG convoca unha xornada de debate arredor de Ponte nas Ondas!
Compartir Este Artigo

