A Real Academia Galega está a desenvolver un intenso programa de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas e a figura de Francisco Fernández del Riego (homenaxeado este 17 de maio) tanto no plano físico coma no dixital. A axenda inclúe a nova edición do certame literario-tecnolóxico lanzado con Puntogal e unha serie web documental que aborda diferentes aspectos da vida e a obra de Francisco Fernández del Riego e cuxas pílulas audiovisuais podemos ir vendo na web da RAG (academia.gal) ou na súa canle en Youtube.
Ademais, a academia galega nas reedicións das obras do autor homenaxeado, entre os que se inclúen dúas contribucións inéditas. Serán, da man de Galaxia, Xerais, Ir Indo ou Lela, unha manchea de volumes escritos polo homenaxeado ou dedicados a el, entre eles as memorias Camiño andando e O rio do tempo, a biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, de Malores Villanueva, e dous inéditos da súa autoría, o Diario da guerra e Memoria do París literario.
Sen dúbida unha das grandes actividades da RAG é a súa serie web documental sobre o escritor. O primeiro dos seis episodios da serie Francisco Fernández del Riego. O que nunca se rendeu estreouse o pasado 20 de marzo na páxina web da RAG e na súa canle de Youtube. A este capítulo (titulado As luces primeiras, que pon o foco na súa nenez en Lourenzá e nos primeiros anos da súa mocidade) fóronse sumando outros cada luns desta primavera: A pegada política, Furando nas tebras, Xermolar da semente, O Día das Letras Galegas e Sempre a pé de obra.
Por outra banda, a RAG convocou este ano, xunto coa Asociación PuntoGal, unha nova edición (a sexta) do seu Concurso de Microrrelatos. As dúas entidades fixeron saber que o palmarés será dado a coñecer este mes de maio, coincidindo coas celebracións das Letras Galegas. Os membros dos xurados xa están a ler os máis de mil textos presentados nas tres categorías que contempla a convocatoria, pechada xa. Á de persoas adultas presentáronse preto de 450 contos; á de xuvenil concorreron case 400 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos de idades; e na categoría infantil participaron preto de 200 nenos e nenas.
Os relatos achegados na modalidade de persoas adultas están a ser valorados desta volta polo xurado que compoñen o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico de número, Manuel González González; a académica de número María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío. O xurado das modalidades infantil e xuvenil integrarano o académico de número Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo, e o mestre e escritor Lois Pérez.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos (computadores, consolas, lectores electrónicos de libros) e relacionados coa lectura.
O Concurso de Microrrelatos, no que colabora a revista Luzes, foi habilitado en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.
A participación canalizouse novamente a través de relatos.gal, que facilitou a entrega dos textos e a cobertura dos formularios requiridos.
A RAG conmemora a Fernández del Riego cunha serie web sobre a súa traxectoria vital e literaria
Compartir Este Artigo

