A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta nasemana do 24 ao 27 de abril cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. Porán o foco en ámbitos de gran interese como a ciberseguridade, os procesos de automatización da atención ao cliente, a ferramenta Woocommerce ou a emisión de eventos en liña de xeito profesional.
O luns 24 ás 10 horas celebrarase o obradoiro Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na Internet, no que se dará a coñecer ás persoas participantes os riscos aos que estamos expostos ao explorar a Rede. Os contidos abordarán que se entende por ciberataque, o mapa mundial destes ataques en tempo real e os obxectivos que buscan os e as ciberdelincuentes. Impartirao Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.
O martes 25 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro Chatbot. A automatización da atención ao cliente. Dirixido a pemes, persoas autónomas e emprendedoras, o curso tratará de contextualizar e amosar que é un bot, as súas tipoloxías e como se poden utilizar na atención ás persoas. Será impartido por José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia e especializado en sistemas informáticos.
O mércores 26, SmartPeme organiza dúas actividades. A primeira delas será ás 12:00 horas, Plan de investimentos no establecemento comercial, e nela as persoas participantes coñecerán o que custa poñer en marcha un negocio e poderán diferenciar os servizos bancarios e as formas de financiamento. Paz Ares, licenciada en Económicas e Empresariais con experiencia profesional no sector financeiro e educativo, será a encargada de ofrecer esta actividade.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda do obradoiro Woocommerce: a solución que buscabas para vender por Internet II, que introducirá ás e aos asistentes nesta ferramenta que permite montar unha tenda en liña cun catálogo non moi amplo. No obradoiro ensinarase como instalala, as súas características, pasarelas e formas de pago e as persoas participantes tamén poderán coñecer como incluír produtos e xestionar pedidos. Ofrecerao María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e mestrado en Márketing Dixital, con máis de 3 anos de experiencia en mercadotecnia dixital e comercio electrónico.
Por último o xoves 27 ás 11 horas celebrarase Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional, dirixido a axudar as persoas participantes a mellorar a emisión dos seus eventos en liña cos e coas clientes, así como a difusión do contido e calquera comunicación empresarial por esta vía. O obradoiro centrarase na conexión da cámara web e da cámara móbil e na elección de micrófono e será impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.
SmartPEME remata abril con cinco novas accións formativas
Compartir Este Artigo

