A Facultade de Química da Universidade de Santiago acolleu este luns 24 de abril a entrega de premios do XXXI Rally Matemático Sen Fronteiras, impulsado pola Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na clausura da edición 31 deste certame matemático, tecnolóxico, internacional e solidario participaron Jesús Sanmartín Malaobos, decano da Facultade de Química da USC, Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben González, presidente e secretaria (respectivamente) da iniciativa de divulgación Igaciencia, e máis Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo agradecer ao profesorado e alumnado “o seu interese nesta iniciativa, que acadou o máximo de participantes de todas as edicións con 1.600 estudantes, o cal é un indicativo de que a ciencia, e a ciencia en galego, é cada vez máis atractiva para a mocidade, un dos motivos polos que, desde a Xunta, seguimos traballando neste eido, achegando ferramentas como a nova calculadora de Casio, dispoñible tamén en lingua galega”, dixo, en referencia á calculadora ClassWiz presentada na Facultade de Matemáticas da USC o pasado 30 de marzo, un importante aparello de estudo e traballo que por primeira vez e coincidindo co décimo aniversario do seu lanzamento, inclúe a lingua galega entre as súas opcións de configuración.
O Rally Matemático sen Fronteiras, organizado seguindo as liñas de traballo do Instituto de Investigación no Ensino das Ciencias de Toulouse (IRES), é unha das probas científicas dirixidas ao alumnado da ESO de maior participación en Galicia. Consta de tres fases, a que se desenvolve no centro educativo o 11 de abril; a galega, á que concorreron este 24 de abril as e os finalistas da fase anterior; e a internacional, en Toulouse, á que asistirán os primeiros clasificados de cada unha das catro categorías, unha por cada curso da ESO. O acto de entrega tamén incluíu un minuto de silencio para homenaxear a André Antibi, coordinador da proba en Toulouse, finado o pasado ano.
Gañadores da fase galega
Os gañadores desta final galega resultaron ser, en primeiro da ESO, o instituto IES Eduardo Blanco Amor (Ourense); en segundo da ESO, o Colexio Sagrado Corazón Placeres (Pontevedra); en terceiro, o instituto IES Martaguisela (O Barco de Valdeorras); e, no último curso da ESO, o IES María Casares (Oleiros). Os equipos gañadores asistirán á final internacional do Rally mathématique sans frontières, en Touluse.
Entregados os premios do Rally Matemático, impulsado por Igaciencia co apoio de Política Lingüística
Compartir Este Artigo

