Entre as grandes novidades tecnolóxicas deste ano do Consello da Cultura Galega figura o lanzamento dun espazo web centrado de maneira específica na figura de Francisco Fernández del Riego, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas deste 2023. Podemos velo en consellodacultura.gal/diadasletrasgalegas/2023. O especial abre con tres grandes seccións: biografía (a mesma que podemos consultar noutra web do CCG, o Album de Galicia), epistolario (comunicacións coa rede de colaboradores e amigos do intelectual ao longo de todo mundo) e artigos (o seu papel como transmisor da cultura galega para os emigrados e os exiliados).
Tamén destaca a galería fotográfica, unha completa e ben coidada colección de momentos da vida de Fernández del Riego, e a sección Francisco Fernández del Riego na súa voz, que compila unha serie de entrevistas e intervencións sonoras do escritor que figuran nos fondos do CCG. Outro apartado destacado é o de documentos, a través do que podemos acceder á todo tipo de recursos dixitalizados do Concello como colaboracións en revistas, críticas, seminarios, artigos, carnés, entrevistas, biografías, bibliografías ou retratos. Complétase coa sección de noticias, na que se dá conta das moitas novidades que están a xurdir esta tempada do ámbito do CCG e, en xeral, da cultura galega, relacionadas coa celebración das Letras Galegas e do escritor de Lourenzá.
O CCG activou un recanto web específico sobre Francisco Fernández del Riego
Compartir Este Artigo

