A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, compareceu na mañá deste 28 de abril no Parlamento de Galicia para explicar a nova folla de ruta que guiará a política de I+D+i de Galicia ata 2027: a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. Esta estratexia, dixo, aspira a impulsar a transformación territorial de Galicia en base á I+D+i, afrontando os retos globais desde as especificidades territoriais a través dunha planificación a longo prazo consensuada a través dun amplo proceso participativo que garanta un impacto real da I+D+i e o seu efecto transformador no tecido produtivo e na sociedade.
Argerey apuntou que a finalidade da Estratexia é “facer avanzar o desenvolvemento económico de Galicia empregando a investigación e a innovación como panca tanto para mellorar a competitividade das empresas como para dar resposta ás necesidades das persoas e da sociedade”.
Neste sentido, Argerey engadiu que a RIS3 constitúe “unha oportunidade para seguir afondando na especialización intelixente de Galicia, iniciada no ano 2014 coa primeira Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (2014-2020)”. Para iso, a Estratexia identifica os retos e prioridades nos que concentrar as capacidades, esforzos e investimentos en coordinación co tecido produtivo co obxectivo de crear vantaxes competitivas mediante o desenvolvemento das fortalezas de investigación e innovación. “Isto é, identificar os ámbitos nos que Galicia é excelente para especializarse naqueles que poida ser competitiva a nivel estatal e internacional”, sinalou, apuntando que a RIS3 dá continuidade aos tres grandes retos establecidos na anterior estratexia (un modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación; un modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e un modelo de vida saudable e o envellecemento activo da poboación) e integra dun xeito transversal tres prioridades aliñadas coas da Unión Europea: a sustentabilidade, a dixitalización e o enfoque cara ás persoas.
Argerey destacou tamén que este labor de identificación “levouse a cabo a través dun amplo proceso participativo, que se manterá ao longo de toda a gobernanza da Estratexia, no que se involucraron máis de 800 representantes de 500 entidades, entre pemes, empresas tractoras, universidades, centros de coñecemento e tecnolóxicos, a Administración e a propia sociedade”. Así mesmo, informou de que todos os departamentos da Xunta con actuacións en materia de I+D+i participaron tamén a través da Comisión Interdepartamental de I+D+i para coordinar os seus instrumentos e actividades.
Argerey concluíu explicando que se trata “dunha estratexia deseñada en conxunto cos axentes do sistema galego de I+D+i, adaptada ás esixencias do contexto actual e á vontade de que Galicia siga avanzando para situarse entre as rexións máis innovadoras”. Para conseguir o devandito, céntrase nas persoas, apostando polo talento e prestando especial atención igualdade de oportunidades no ámbito da I+D+i, fortalece a excelencia da investigación e a transferencia de coñecemento como elementos vertebradores do ecosistema e posiciona a Galicia como un territorio atractivo a nivel internacional en materia de I+D+i. Ademais, a directora da Axencia Galega de Innovación destacou que se trata “dunha estratexia enfocada cara ás pemes, que constitúen máis do 99% do tecido empresarial de Galicia”. En consecuencia, a nova RIS3 impulsa de forma especial o incremento no número de empresas innovadoras. En canto ao orzamento, estímase a mobilización de preto de 5000 millóns de euros de investimento público-privado, un 170% máis que no anterior período.
Argerey destaca no Parlamento as oportunidades da nova Estratexia de Especialización Intelixente
Compartir Este Artigo

