O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) promove novamente a XI edición do campamento tecnolóxico de verán T2W (Tecnópole Technological Workshops), en colaboración coa Consellería de Economía. Esta iniciativa, integrada na aposta de Tecnópole pola divulgación científica de calidade entre as novas xeracións, diríxese a un total de 80 rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos, de 2º da ESO a 1º de Bacharelato (40 en cada quenda).
Haberá unha primeira quenda do 3 ao 7 de xullo e unha segunda do 10 ao 14 de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será a finais de maio ou ata que se cubran as prazas dispoñibles, a través da web da Tecnópole.
Entre as grandes novidades da nova convocatoria, figura unha nova edición do módulo Voamos con números: unha aventura aérea, levado a cabo durante o curso escolar na Aula Newton Galicia, instalada no Parque, alén doutras actividades creatividades e participativas relacionadas cos vehículos aéreos e espaciais. Tal como destacan desde Tecnópole, “o eido da aeronáutica e o espazo é un dos que máis interese espertan entre o alumnado”. Nesta liña, o campamento, cun enfoque práctico e experimental, oferta un conxunto de actividades didácticas e amenas que permitirán aos participantes introducirse nos conceptos básicos da aviónica e a electrónica necesarios para o desenvolvemento de proxectos aeroespaciais. Entre outras actividades, os asistentes aprenderán a pilotar utilizando simuladores de voo profesionais, crearán plans de voo, iniciaranse na montaxe e manexo de drons, na programación de placas electrónicas e mesmo realizarán prototipos mediante impresión 3D.
O custo do campamento é de 150 euros. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario ás piscinas do Parque.
“A través desta experiencia procúrase que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras”, informa a Tecnópole, subliñando o traballo despregado estes anos polo parque para favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude.
A rapazada de 12 a 16 anos xa pode inscribirse no campamento tecnolóxico da Tecnópole
Compartir Este Artigo

