
Sedes en Vigo e en Ourense
Durante dous anos, a Oficina Acelera PEME que impulsa INEO e que conta con sedes en Vigo e Ourense, deu soporte a 911 empresas e persoas autónomas, sumando os que acudiron a algún obradoro ou xornada e os que recibiron asesoramento directo e individualizado, que ascenden a 409. Desde maio de 2021, a entidade tamén organizou un total de 56 talleres relacionados coa dixitalización, aos que asistiron máis de 1.600 persoas. Todas estas accións frutificaron en máis de cen axudas á dixitalización tramitadas para pemes e autónomos de Galicia.
A presentación
A sede da Oficina Acelera Peme de Ineo en Ourense, sita na Confederación Empresarial de Ourense (CEO), acolleu este martes 2 de maio unha rolda de prensa na que participaron Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da CEO; David Martínez Alonso, presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense; e Luis Rey Fernández-Arruty, director de operacións de Ineo.
Marisol Nóvoa destacou ao comezo que ‘a colaboración é un piar fundamental na filosofía da CEO por iso estamos abertos sempre a cooperar en iniciativas deste tipo que repercutan no beneficio do tecido empresarial, a súa competitividade e, neste caso, a súa transformación dixital, por eso a proposta hai dous anos desde Ineo para implantar esta oficina xunto coa CEP, a Asociación Galega de Emprendedores, a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense e Gradiant pareceunos un bo inicio para facer chegar a dixitalización ás empresas”.
Pola súa banda, David Martínez lembrou a orixe da colaboración e incidiu en que “a través desta alianza con Ineo puidemos facilitar aos autónomos o coñecemento das vantaxes da dixitalización, non só a xestión, senón tamén outros aspectos descoñecidos por este colectivo; por iso continuaremos con esta cooperación para axudar ao autónomo na cada vez máis necesaria dixitalización”.
A maiores, Luis Rey Fernández-Arruty mostrou a súa satisfacción polos resultados obtidos. “Estamos especialmente orgullosos desta Oficina, primeiro por ser elixidos por Red.es de entre todos os candidatos para poñela e marcha e, segundo, porque nos permitiu, dalgunha forma, axudar a dixitalizar a case mil empresas e autónomos de Galicia”, explicou. Recalcou ademais que este proxecto, está perfectamente aliñado cos obxectivos de Ineo, que naceu, entre outros fins, “para axudar á transferencia de tecnoloxía desde o sector TIC cara a outros ámbitos empresariais”. Amais, aproveitou o acto para agradecer a colaboración das ditas entidades, “xa que os éxitos da Oficina responden o esforzo de todos”.
Fondos de recuperación
Ineo, ademais de despregar unha ampla actividade desde a Oficina Acelera PEME, tamén está a destinar unha especial atención na tracción de Fondos de Recuperación (Next Generation) para o sector das TIC en Galicia. Programas enmarcados dentro destes fondos, como é o caso do Kit Dixital, representan un puntal da actividade de Ineo, cuxo eido de acción xeral pivota ao redor do impulso da competitividade das empresas que a conforman, da representatividade do sector en Galicia, da protección tanto dos dereitos como dos intereses do tecido empresarial tecnolóxico en Galicia e do fomento como axente prescritor da tecnoloxía desenvolvida en Galicia noutros sectores económicos.
Ineo dá soporte a preto dun milleiro de autónomos e empresas nos seus procesos de dixitalización
Compartir Este Artigo

