A gala da XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 16 de xuño en Santiago (no Hotel OCA Puerta del Camino) será o escenario no que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgará o Premio Iniciativa Emprendedora ao enxeñeiro informático, Diego Cid Merino, colexiado galego que deseñou un conxunto de aplicacións para facer máis doada a relación coa administración pública e permitir o uso de medios dixitais como o DNIe ou certificados dixitais para realizar distintas operacións directamente dende o móbil.
Así, os premios da Noite corresponden nesta edición a trece categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas máis senlleiras no eido da enxeñaría en informática. Cid Merino desenvolveu a aplicación Tr@mite que permite o acceso a multitude de trámites de distintas administracións públicas nacionais, autonómicas e locais empregando a validación con DNIe, certificado dixital, cl@ve permanente e cl@ve pin. Asemade, permite asinar documentos PDF con DNIe ou certificado dixital. Para ter máis información sobre detalles da aplicación para Android cómpre preme acceder a Google Play; no caso da app para iOS cómpre visitar a tenda de Apple.
Outro dos seus proxectos foi a aplicación Firm@, que permite asinar documentos PDF con DNIe ou certificado dixital (dispoñible para Android e tamén para iOS).
A terceira aplicación é Valid@ que permite consultar o estado e o contido dun certificado dixital ou dun DNIe, incluíndo a data de caducidade e a validación no servizo oficial da FNMT dos seus certificados (dispoñible tamén para Android e para iOS).
O fito importante que conseguiu Cid Merino nestes días é que xa é posible usar o DNIe en iOS mediante unha conexión NFC. Arestora, explica que é factible o acceso a un conxunto reducido de administracións na ferramenta Tr@mite, entre elas a Axencia Tributaria. Tamén conseguiu asinar PDF co DNIe en móbil iOS, liberando unha nova versión de Firm@ e utilizando a conexión NFC.
Achegándonos un pouco á figura de Diego Cid Merino (Ourense, 1980), dicir que é enxeñeiro en Informática pola Universidade de Vigo (UVigo no Campus de Ourense), especializado en desenvolvemento de software dende hai quince anos. Traballa como director de Proxecto, certificado PMP e SCRUM en Imatia Innovation.
O enxeñeiro informático Diego Cid recibe o Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG
Compartir Este Artigo

