
Esta distinción, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que conseguen este recoñecemento; e, por outra banda, tamén supón unha garantía de futuro para o alumnado. A obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos e con posibilidade de renovación, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico que posúen as accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario.
Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos na convocatoria, que inclúen aspectos xerais do mestrado como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboran directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e existencia de titorización e mentorización individual. Outros aspectos que se tiveron en conta foron os resultados do mestrado (enquisas e satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral…), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do master, o plan de xestión para os cinco vindeiros anos académicos e as melloras previstas en caso de obter a mención), o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos adicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado, ou as estratexias de emprendemento.
Os mestrados premiados con esta distinción son o Máster Universitario en Enxeñaría en Informática (MUEI) no curso 19/20, o Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde (MUBICS) no curso 20/21 e os Máster Universitario en Matemática Industrial (MUMI) e Máster Universitario en Computación de Altas Prestacións (MUCAP) no curso 21/22, estes últimos interuniversitarios. Cómpre salientar que nas tres convocatorias, das nove concesións ao Sistema Universitario Galego, a Universidade da Coruña é a que ostenta o maior número, pois aos mencionados súmanse o Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, o Máster Interuniversitario en Biotecnoloxía Avanzada e o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual.
A FIC da UDC reúne ao secretario xeral de Universidades cos coordinadores dos mestrados de excelencia
Compartir Este Artigo

