Xa anunciamos dende Código Cero que se achegaba a data de comezo de Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade. E dito e feito: na mañá de hoxe, mércores 10 de maio, botaba a andar Galiciencia no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) baixo o lema Aeronáutica e Aeroespacial e prolongarase ata o venres. A finalidade deste encontro é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Cómpre dicir que a dita feira se desenvolve ao abeiro da Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)-Ministerio de Ciencia e Innovación.
Indo ao miolo, sinalar que Galiciencia vai reunir a máis de 4.800 participantes; cun total de 106 proxectos: 70 de Secundaria, Bacharelato e FP e 36 de Primaria. Na feira participan un total de 106 proxectos: de Secundaria, Bacharelato e FP son 51 presenciais e 19 en liña; e de Primaria son 30 presenciais e 6 en liña. Son proxectos de temática moi variada e de eidos diversos como agricultura, bioloxía, física, medio ambiente, comunicación, música, robótica, tecnoloxía, amais de aeronáutica e aeroespacial.
Como exemplos: un equipo propón un sistema eficiente para arrefriar bebidas, outro o control de dispositivos mediante ondas cerebrais para uso pedagóxico, tamén se amosa a elaboración de repelentes ecolóxicos a partir de plantas escorrentadoras de insectos, un semáforo para controlar mellor o tráfico, unha man biónica, o deseño dunha cunca potabilizadora de auga, un proxecto que busca axudar ás persoas con discapacidade visual a entender o ceo nocturno, unha cámara de cultivo para o desenvolvemento da agricultura en Marte, o deseño dun minisatélite para medir a presión e a temperatura, un bolígrafo biodegradable sen plástico e con tinta natural, ou un sistema eficiente para cargar drons, etc.
En Galiciencia tamén hai espazo para as e os máis pequenos pois o alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous obradoiros diferentes. Por unha banda, Conquistando as portas do ceo, actividade que se centra no gran soño da humanidade que é voar, a través dos grandes inventos deseñados polo home ao longo da historia para acadalo. Así, a rapazada está a coñecer desde os primitivos dispositivos de Leonardo da Vinci ata os máis avanzados aparellos creados pola NASA, pasando polo aeroplano, o autoxiro, o globo aerostático ou o parapente, entre outros. Neste obradoiro achéganse tamén á figura de Amelia Earhart, a primeira muller aviadora que voou soa a través do Océano Atlántico.
Por outra banda, no obradoiro Xúpiter nunha botella, os participantes teñen a oportunidade de percorrer un a un os planetas do Sistema Solar, podendo ver con detalle o delicado movemento da atmosfera de Xúpiter. Están a coñecer así mesmo a composición do Universo seguindo os pasos de Cecilia Payne-Gaposchkin, a astrónoma angloamericana que a comezos do século XX descubriu que o Sol está composto na súa maior parte de hidróxeno e helio.
Na xornada matinal deste mércores 10 de maio, a rapazada de Secundaria e Bacharelato puido asistir e participar no programa Efervesciencia da Radio Galega, que conduce Manuel Vicente. No transcurso do mesmo contouse coa participación de investigadores e investigadoras expertos en aeronáutica e aeroespacial e co director do Parque Tecnolóxico de Galicia, Javier Taibo.
En canto á xornada de mañá xoves 11 de maio, dicir que entre as 11 e as 12 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para o alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de Youtube de Tecnópole. Asemade, terá lugar a final do desafío científico Atrévete coa Aeronáutica, no que durante os últimos meses participaron equipos desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia de xeito online.
Galiciencia abre as súas portas acollendo a máis de 4.800 participantes
Compartir Este Artigo

