O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai entregar o Premio Especial CPEIG ao Colegio Oficial de Ingenieros en Informática del Principado de Asturias (COIIPA) pola “súa contribución para que o Goberno asturiano aprobase a inclusión dos enxeñeiros en informática nos Corpos Especiais da Administración do Principado de Asturias”. O galardón será entregado na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que organiza o CPEIG.
O pasado 15 de marzo aprobouse o texto do Proxecto de Lei de Emprego Público de Asturias, que recolle “este importante avance para a profesión de Enxeñeiro en Informática”, lembra o CPEIG.
Segundo explica o COIIPA, unha das principais consecuencias é a equiparación, por lei, dos enxeñeiros e enxeñeiras en Informática a outros enxeñeiros dentro da Administración Pública na Comunidade Autónoma de Asturias, en concreto dentro do corpo A/A1. “Esta normativa exemplifica a visión de futuro do Gobierno del Principado de Asturias á hora de modernizar as súas administracións. Dende o COIIPA valoramos moi positivamente os pasos que deron no referido á profesionalización no proceso de dixitalización dos distintos órganos o Gobierno da nosa comunidade”, indica a decana do COIIPA, Irene Cid.

Cúmprese así unha das principais reivindicacións históricas dos enxeñeiros e enxeñeiras en Informática asturianos. O COIIPA agradece ao Principado de Asturias a súa predisposición, e a todos os colexiados e colexiadas a súa axuda e apoio. “Dentro da nosa profesión felicitámonos por este avance e equiparación. Agradecemos enormemente a predisposición de todos os partidos políticos e da Administración do Principado de Asturias por conseguir incluír aos actores principais do proceso de dixitalización nas distintas leis que conforman o noso Estado de Dereito, para a súa modernización dunha maneira segura e xusta. Aínda queda moito traballo por realizar, pero está nova lei supón un avance importante. Agora mesmo atopámonos estudando, coa asesoría xurídica, as aplicacións prácticas na interpretación desta lei e, desde o COIIPA, velaremos polo seu cumprimento”, manifesta Irene Cid.
A XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebrarase o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago e a decana do COIIPA recollerá a distinción. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
Os enxeñeiros en Informática de Asturias reciben o Premio Especial CPEIG
Compartir Este Artigo

