A operadora Movistar (Telefónica) fixo balance da presenza da súa 5G de 700 Mhz na comarca do Morrazo (Cangas, Marín, Bueu e Moaña). Segundo indicou a empresa, a dita tecnoloxía móbil continúa a súa despregadura de nodos para chegar coa súa ultra banda larga móbil ás máis de 80.000 persoas que viven nesta península, cuxa poboación aumenta significativamente na tempada estival. O resultado da despregadura, sinalou, é que a dita 5G está xa presente en toda a bisbarra.
Na provincia de Pontevedra, Movistar despregou xa a súa 5G de 700 Mhz. en 45 municipios, que se elevan a 178 no conxunto de Galicia. O obxectivo da compañía é que ao terminar 2024 todo o territorio galego conte con ultra banda larga, xa sexa por fibra óptica ou por 5G.
Movistar explica que a banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, “ten unha maior penetración en interiores e universaliza algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia”. Ademais, engade a operadora, “é o complemento para a banda de 3,5 Ghz na que tamén opera Movistar, idónea para servizos que precisan de moi alta velocidade de transmisión, aínda que o seu alcance é menor e atravesa peor os obstáculos, como as paredes dos edificios, algo que si posibilita o sinal na banda de 700 MHz”.
A tecnoloxía 5G de 700 Mhz de Movistar chega xa a toda a comarca do Morrazo
Compartir Este Artigo

