A Cámara de Comercio da Coruña organiza unha xornada sobre ciberseguridade co obxectivo de “axudar a identificar as ameazas e estafas máis comúns a través de Internet, así como as ferramentas dispoñibles para previr os ciberataques”. Será o 30 de maio, na sede da entidade cameral, de 18h a 20h.
Segundo explica a organización da xornada para situarnos no contexto da mesma, na actualidade calquera firma está exposta a unha infinidade de ameazas cibernéticas, por iso, “é vital que as empresas tomen medidas para protexerse e aseguren os seus sistemas e datos”.
Nesta xornada proporcionarase aos asistentes os coñecementos e recursos necesarios para entender e previr as principais ameazas ás que se expoñen os negocios como a suplantación de identidades (phishing), o ransomware, o malware, o chamado Man in the Middle, a estafa do CEO, o BEC e outros tipos de ataques cibernéticos.
A xornada será impartida polo delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional da Coruña,o inspector Alberto Arias, e polo consultor en Ciberseguridade da empresa Norquality Consultores, Diego Alvariño, que informarán sobre as ferramentas e boas prácticas que se poden aplicar para manter seguras as redes e sistemas das empresas, así como das medidas de apoio económico das que poden botar man para a súa implementación.
As persoas interesadas poden inscribirse na web da Cámara, na que se ofrece xa toda a información relativa á actividade divulgativa.
Esta xornada enmárcase no programa europeo Ciberseguridade 2023, deseñado para o desenvolvemento de plans enfocados á implementación de sistemas de ciberseguridade. As empresas participantes, pola súa banda, poderán recibir unhas axudas directas ao investimento de ata 3.200€.
O programa está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e consta de dúas fases, unha para realizar diagnóstico e recomendacións (co-financiada ao 100% entre FEDER e Cámara) e unha segunda na que se contemplan as axudas directas ao investimento das empresas (co-financiadas nun 80% por FEDER e no 20% restante pola empresa).
A Cámara da Coruña e a Policía Nacional forman en ciberseguridade ás empresas
Compartir Este Artigo

