A aceleradora multisectorial do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra xa ten aberto o prazo para participar na segunda das súas edicións. Así o fixo saber este venres 19 de maio a presidenta provincial, Carmela Silva, engadindo que “pódense beneficiar desta iniciativa un máximo de 8 pemes ou persoas autónomas e emprendedoras da provincia que, entre o 6 de xuño e o 18 de xullo, recibirán apoio e guía para a mellora e optimización dos seus recursos e a súa competitividade coa incorporación de novas tecnoloxías á súa actuación”. As persoas interesadas poden presentar as súas candidaturas a través dun formulario habilitado no sitio web de SmartPEME ata o 1 de xuño (incluído).
A segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPEME está pensada “para persoas autónomas e emprendedoras que desexen poñer en marcha a súa actividade en liña ou reorientar os seus negocios”, xa que poden beneficiarse tanto aqueles proxectos empresariais que se atopen “en fase temperá de desenvolvemento como aqueles que, xa en marcha, teñan un alto potencial de crecemento” co emprego das novas tecnoloxías, informou Carmela Silva. As actividades serán preferentemente telemáticas, coa posibilidade de recibir asesoramento presencial, porén, sinalou, “as actividades formativas grupais, para facilitar a asistencia e a participación de persoas de todas as comarcas da provincia, serán todas telemáticas”.
O programa da aceleradora multisectorial está dividido nunha fase de mentoring de actividades e noutra de sesións formativas grupais. Durante a fase de mentoring avaliaranse os proxectos e cadanseus modelos de negocio para establecer unha folla de ruta individualizada, proporcionándolles un programa intensivo de titorías e sesións de traballo individualizadas con persoas expertas en tecnoloxía coas que aprenderán sobre imaxe dixital, competitividade e as necesidades detectadas para cada proxecto. “Ademais”, sinalou Silva, “celebrarase nunha xornada de networking con empresas e tamén o habitual demo day final no que se presentarán ao público todos os proxectos participantes”.
Na fase de sesións formativas grupais, as persoas participantes nesta segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPEME recibirán 9 horas de formación específica colectiva deseñada á medida para o grupo, sobre temas como deseño gráfico, negocios sustentables, plan de empresa, estratexia de mercadotecnia a través do comercio electrónico, publicidade en redes sociais e datos intelixentes ou tamén ferramentas de xestión de clientela en liña.
Esta é a segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPEME, por onde xa pasaron antes outros cinco proxectos de persoas autónomas e emprendedoras na edición celebrada a finais de 2022. O programa da Deputación tamén celebrou anteriormente aceleradoras de empresas turísticas (cinco edicións) e de comercio (dúas edicións), e coa posta en marcha da aceleradora multisectorial abriu o abano a todos os nichos de mercado. “Foron un grande éxito e todas estas empresas seguen activas, medrando tanto os seus beneficios como o número de persoas empregadas”, sinalou Carmela Silva.
As empresas xa poden achegar candidaturas á aceleradora SmartPEME
Compartir Este Artigo

