Este sábado 27 de maio (en horario de 9.30 a 14.00) continuarán en Vigo as katas de A Industriosa, un evento informal e aberto a calquera persoa que se anime a “participar e compartir unha hora e media de programación, café e ou té”. Trátase da cuarta edición do ciclo de Katas de Rust.
Comezará ás 9.30 cun almorzo nas Ramblas (preto do taller de A Industriosa) e proseguirá media hora máis tarde cunha xeira de programación de prototipos que retomará o traballo da última xornada, a de abril. As persoas participantes meteranse en faena con I2C (Inter-Integrated Circuit), o protocolo de comunicación serial. Logo haberá unha sesión café, unha iniciación ao testeo en Rust e, para rematar, media hora para repasar e seleccionar os temas das seguintes sesións.
Inspirados nos katayunos, dojos e actividades semellantes, o formato das katas da Industriosa teñen un formato de grupos de entre dúas e tres persoas para resolver un reto de programación, compartir e mellorar as nosas habilidades con diferentes linguaxes, por exemplo Python ou (coma no caso deste 27 de maio) Rust.
A xornada participativa de traballo vai estar liderada por Eloy Coto, enxeñeiro principal en Red Hat.
As edicións das katas anteriores están xa subidas á Rede, a través da web da Industriosa, para ser consultadas por calquera persoa interesada en participar.
A participación é gratuíta. Temos máis información sobre a xeira de traballo en Meetup.
Trátase dun evento organizado por A Industriosa e coa colaboración de Python Vigo e patrocinado por Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).
A Industriosa convócanos este sábado 27 para unha nova kata de Rust
Compartir Este Artigo

