FADEMGA Plena Inclusión Galicia (federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento) participa nun proxecto tecnolóxico para reducir a fenda dixital e favorecer a integración. A idea é tirar abaixo barreiras para facilitar o acceso destes colectivos a dereitos básicos que están (cada vez máis) a disposición da cidadanía a través das novas ferramentas dixitais.
Esta ambiciosa iniciativa, na que participará FADEMGA Plena inclusión Galicia ao carón doutras 7 Comunidades Autónomas, nace co apoio dos fondos europeos Next Generation, conta cun orzamento de 1.836.000 euros e ten como horizonte temporal o 31 de decembro de 2023.
Segundo explica a federación, a necesidade deste proxecto vese sustentada na importancia que ten hoxe en día o manexo da tecnoloxía como porta de acceso a dereitos fundamentais como son o emprego, a educación ou a vida independente. “Desde o noso movemento asociativo levamos anos pelexando porque se recoñeza, desde as administracións públicas, a urxencia de reducir a fenda dixital á que se enfrontan a inmensa maioría das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento”, denuncia Eladio Fernández, presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Con este obxectivo xorde o proxecto Transformación Dixital para a Inclusión, unha batería de medidas que inciden na formación e extensión do uso da tecnoloxía no apoio a iniciativas como a implantación dunha ferramenta para eliminar medidas restritivas en centros residenciais; unha aplicación que fomenta o acceso de persoas con discapacidade intelectual ao emprego público; a formación en liña a axentes públicos e comunitarios de servizos sociais e da saúde de concellos e CCAA (Comunidades Autónomos) para ampliar o seu coñecemento sobre a realidade e necesidades das persoas con discapacidade intelectual, etc.
“Se conseguimos que os beneficios da iniciativa Transformación Dixital para a Inclusión se proxecten no tempo estaremos a colaborar en que o acceso á tecnoloxía deixe de ser un muro infranqueable e que se levanta entre as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e algúns dereitos cidadáns fundamentais”, explica o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
O proxecto Transformación Dixital para a Inclusión enmárcase no Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España e está coordinado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
FADEMGA participa nun ambicioso proxecto tecnolóxico para permitir a plena inclusión dixital
Compartir Este Artigo

