O grupo galego Femxa, firma pioneira a nivel estatal en formación a través dos novos formatos e canles (elearning), vén de ser galardoado pola Fundación Woman Forward como mellor mediana empresa pola igualdade, no marco da I Clasificación de Empresas pola Igualdade, que ten o obxectivo de visualizar e reivindicar ás empresas españolas con mellores políticas neste ámbito, a través do compromiso das e dos seus CEO (directoras/os executivas/os).
A entrega do galardón levouse a cabo este venres 30 de xuño na sede da CEOE (Madrid) e contou coa participación de altos directivos e directivas das principais empresas e autoridades do mundo corporativo.
O acto estivo inaugurado por José Alberto González-Ruiz, secretario xeral de CEOE, quen salientou “a importancia de promover a diversidade e a inclusión para lograr un ambiente laboral xusto e igualitario” e Mirian Izquierdo, presidenta da Fundación Woman Forward, quen explicou que “esta clasificación visibiliza a CEOs e empresas que poden ser pancas do cambio e modelos a seguir por empresas menos convencidas sobre os beneficios da igualdade”.
Avaliáronse aspectos como a procura de persoal, a selección e o recrutamento, a promoción, a retribución salarial, a corresponsabilidade e as medidas de prevención e actuación ante situacións de acoso sexual, así como a porcentaxe de diversidade de xénero nos postos de máxima decisión. Os resultados obtidos teñen como obxectivo indicar as áreas que necesitan cambios e o que se pode facer para mellorar a xestión da igualdade nas organizacións.
Posteriormente desenvolveuse unha mesa redonda baixo o título Boas prácticas identificadas nas empresas pola igualdade, na que Femxa estivo presente a través da súa presidenta, Patricia García, xunto con María de La Paz Robina, directora xeral de Michelin España.
Femxa galardoada polo seu compromiso coa igualdade nos premios da Fundación Woman Forward
Compartir Este Artigo

