
A presentación da solución da empresa tecnolóxica galega, que inclúe un dispositivo portátil e un sistema de xestión e vídeo-conferencia, realizouse durante a conferencia de Manuel Grandal, médico do hospital La Paz de Madrid, profesor de Medicina da Universidade Alfonso X o Sabio e presidente do comité científico de Telemedicina e Saúde Dixital do Colexio de Médicos de Madrid. Xunto a outros especialistas presentes con el no estrado, Grandal coordinou en directo a exploración dun paciente real, situado fóra da sede do congreso, e que perdera o coñecemento presentando un cadro de mareos e hipertensión, susceptible de anunciar un principio de accidente cardiovascular.
Os especialistas que acompañaban ao doutor Grandal puideron analizar a temperatura do paciente, dirixir desde a distancia un electro e un ecocardiograma, explorar o ouvido interno con imaxes de alta calidade e analizar a saturación de osíxeno, a tensión arterial e a glicosa, entre outras probas. O sistema desenvolvido pola galega SIVSA, e que se está distribuíndo en varias partes do mundo, pode engadir ademais moitos outros periféricos e sensores, como un iriscopio (para explorar a esclerótico), un estetoscopio ou un dermatoscopio con vistas a analizar en remoto posibles lesións de pel. Ademais, tal e como explicou o director de SIVSA, Adrián Alonso, presente tamén na proba, “a medida que a industria vaia actualizando a compatibilidade dos seus periféricos co noso sistema, poderanse facer moitas máis probas, como raios X ou análises de sangue”.
Tras unha exploración a fondo e en remoto das cavidades do corazón, os especialistas recomendaron o traslado do paciente ao hospital.
Ademais do seu amplo rango diagnóstico, a solución de telemedicina de SIVSA incorpora o sistema de xestión Hosix, desenvolvido pola compañía e presente en hospitais e sistemas de saúde de varios países. Hosix permite, entre outras moitas funcións, integrar os datos recolleitos en remoto nunha historia clínica central, programar as consultas de telemedicina, compartir en tempo real con máis médicos a información que se está a recoller e, no caso de que sexa necesario debido á patoloxía do paciente, seguir recollendo datos desde o seu domicilio.
Segundo informaron fontes da empresa galega, a solución de Sivsa espertou un enorme interese non só entre a comunidade médico-científica e xestora presente no congreso, senón tamén entre representantes da Asambleia Lexislativa do Estado do Amazonas (o congreso rexional) que asistiron á proba, e que mostraron o seu interese na solución.
A Amazon Health Tech Conference 2023 eloxia a solución de telemedicina da galega SIVSA
Compartir Este Artigo

