
O proxecto supuxo un investimento de 2,8 millóns de euros e foi apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, que achegou 1,2 millóns.
“É un orgullo ver que en Galicia temos exemplos de empresas que souberon reinventarse e ter visión estratéxica para engadir innovación e investigación aos seus procesos produtivos”, destacou a conselleira de Economía, Emprego e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Lorenzana acudiu este mércores 19 de xullo ás instalacións do Grupo Nogar en Marín para comprobar os freitos deste proxecto, no que participan as empresas Galigrain, P&J Carrasco, Protea Produtos do Mar e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial.
O proxecto de transformación, segundo detallaron os responsables da empresa, afondou nas posibilidades da tecnoloxía como ferramenta esencial de optimización loxística, introducindo a automatización, os sistemas de sensórica, o Big Data e mesmo o manexo de xemelgos dixitais que supoñen “melloras considerables na operativa diaria das empresas participantes”. A iniciativa fixo posible vantaxes concretos como introducir tecnoloxías de Visión Artificial para facilitar a identificación de camións, mercadorías e almacéns, con vistas a optimizar a eficiencia e a seguridade nos proxectos. O proxecto desenvolveuse para a carga, descarga e almacenamento de graneis, pensos, produtos conxelados e cargamentos de aluminio.
A iniciativa que lidera o Grupo Nogar é un dos 24 proxectos que a Xunta leva apoiado nas catro edicións que ata o de agora se levan convocado do programa Fábrica Intelixente e Sustentable para impulsar a transformación da industria galega. A estas, súmase una quinta que xa está aberta ata o 2 de outubro cun orzamento de 24 M€. Segundo precisou, neste tempo beneficiáronse destas axudas 68 empresas e centros de investigación e se mobilizaron 275 M€ de investimento público-privado (76 M€ por parte da Xunta).

