Despois dunha semana de actividade creativa arredor do ámbito STEM, este luns 31 de xullo rematou o campamento de verán do programa D’Tec para o fomento das vocacións científico tecnolóxicas, organizado por CIS Tecnoloxía e Deseño (Campus Industrial de Ferrol). Grazas a iniciativa, corenta estudantes de Secundaria da comarca de Ferrolterra tiveron a oportunidade de gozar de actividades prácticas ligadas a innovación, a ciencia e a tecnoloxía, levando a cabo retos tecnolóxicos, desenvolvemento de biomateriais, ou creación de contidos de Realidade Aumentada e Virtual.
Segundo explicou a organización, “accións como estas permiten mellorar de forma moi significativa a percepción do alumnado respecto temáticas tan importantes como a innovación e a tecnoloxía, eidos fundamentais da actividade do CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol”.
Tras esta gran experiencia, o programa D’Tec fai unha pequena parada estival, para retornar con forza de novo no mes de setembro con novas actividades.
Dende a organización remataron salientando o interese do alumnado e as súas familias e a súa implicación, “que reforzan o noso convencemento na importancia de iniciativas como as que estamos a desenvolver”.
Remata o campamento D’Tec no que participaron corenta estudantes de Secundaria
Compartir Este Artigo

