Logo das dúas xornadas deste mes de agosto (na Estrada e en Betanzos), en setembro e outubro proseguirán os obradoiros organizados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) dirixidos a botar luz sobre o equipamento disruptivo na Rede CeMIT. Trátase dunha longa e completa listaxe de citas formativas nos concellos galegos destinadas a formar á cidadanía no uso de equipamento innovador co que AMTEGA dotou a pasada tempada á Rede CeMIT. A actividade retomarase o 2 de setembro na aula de Guitiriz.
Esta actuación enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre o CPEIG e a Axencia autonómica este ano no marco do Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT (2022-2025) para mellorar os servizos de capacitación e formación dixital dos centros CeMIT e adaptarse ás novas demandas da cidadanía.
O programa inclúe en total 18 obradoiros presenciais, de catro horas cada un, nas aulas CeMIT de diversos concellos das catro provincias galegas. A inscrición pode realizarse a través da web da Rede CeMIT ou poñéndose en contacto directamente coa aula.
A iniciativa ten como finalidade impartir cursos formativos para un uso práctico do novo equipamento disruptivo dispoñible na rede de aulas CeMIT. Explicarase o funcionamento e usos das impresoras 3D, drons, lentes de Realidade Virtual, e kits de programación e comunicación como Arduino e Raspberry Pi.
Cada sesión irá acompañada de pílulas informativas de cada elemento, sintetizando os seus aspectos técnicos e principais posibilidades, así como diversos recursos para a súa aprendizaxe de xeito que os usuarios e usuarias poidan inspirarse e interactuar cos diversos sistemas cunha finalidade ocio-educativa.
A actividade está dirixida á cidadanía en xeral que non precisará contar con coñecemento previo, aínda que si con competencias básicas no uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Cursos pendentes
2 de setembro. Guitiriz. Aula CeMIT (rúa do Concello, s/n. Casco Urbano). 10 a 14 horas.
4 de setembro. Cuntis. Aula CeMIT (Casa do Médico. Circunvalación Don Aurelio, 65). 16 a 20 horas.
7 de setembro. Quiroga. Aula CeMIT (Casa da Cultura. Rúa Real, s/n). 16 a 20 horas.
12 de setembro. Castrelo de Miño. Aula CeMIT (Avda do Concello nº7 A, Paradela, Barral). 10 a 14 horas.
18 de setembro. Vimianzo. Aula CeMIT (rúa A Braña, s/n. Casa da Cultura de Vimianzo). 16 a 20 horas.
19 de setembro. Boiro. Aula CeMIT (Centro Social, 1º andar. Rúa Principal s/n). 16 a 20 horas.
20 de setembro. Moaña. Aula CeMIT (rúa María Martin, 4. Casa da Mocidade. Casco Urbano). 16 a 20 horas.
29 de setembro. Pontevedra. Aula CeMIT (Edificio Administrativo da Deputación. Gran Vía de Montero Ríos s/n). 10 a 14 horas.
2 de outubro. Ribeira. Aula CeMIT (rúa 1 Cubeliño, Nº 20). 10 a 14 horas.
3 de outubro. Celanova. Aula CeMIT (Parque das Triguerizas s/n). 10 a 14 horas.
4 de outubro. San Sadurniño. Aula CeMIT (Avda Marques de Figueroa, 11). 10 a 14 horas.
En setembro proseguen os obradoiros que botan luz sobre as tecnoloxías disruptivas das aulas CeMIT
Compartir Este Artigo

