
O consorcio, denominado ENEPORTS, conta cun orzamento de máis de 2,8 millóns de euros, financiados en parte pola convocatoria de Interreg Atlantic Area, e nel participan, ademais de ITG, a Autoridade Portuaria de Ferrol, de Tenerife, Leixões (Portugal) e Galway (Irlanda); así como a Universidade de Galway, Builders École d’Ingénieurs e o Instituto Tecnolóxico e de Enerxías Renovables de Tenerife.
En palabras de Santiago Rodríguez Charlón, director da área de Enerxía de ITG, “grazas a esta iniciativa, que se porá en marcha en novembro deste ano e finalizará a finais de 2026, os tres portos participantes converteranse en banco de probas de laboratorios de enerxía renovable terrestre e mariña, preparándose para fornecer electricidade limpa a buques e aos seus concesionarios, incluídos fabricantes de enerxía sustentable, e para facilitar a conexión e probas de prototipos destas enerxías, aproveitando os recursos locais e a proximidade ao mar”.
ENEPORTS incluirá a despregadura nos portos de sistemas de almacenamento ou produción de hidróxeno, así como alimentación eléctrica para o transporte marítimo e terrestre, e incrementarase a enerxía verde dispoñible a partir de diferentes tecnoloxías, impulsando o desenvolvemento tecnolóxico e económico e creando comunidades enerxéticas na súa contorna. En total, os portos de Ferrol, Granadilla e Leixões prevén a instalación de máis de 70 megawatts ata 2030.
Segundo explica o ITG, un dos grandes retos desta despregadura é a xestión eficiente dos fluxos de enerxía xerada por fontes renovables e a integración da hibridación de tecnoloxías de forma segura, mantendo a calidade da subministración enerxética”. Ao fío disto, os tres pilotos demostrativos de ENEPORTS permitirán examinar como a dixitalización e a IA poden contribuír á xestión eficiente de fluxos enerxéticos.
Estes pilotos baséanse no desenvolvemento de plataformas intelixentes para a monitoraxe e xestión da enerxía. A despregadura nestes portos “é a forma de demostrar na práctica a viabilidade das comunidades enerxéticas renovables portuarias”, explica o ITG, engadindo que “estas plataformas utilizarán algoritmos preditivos, xemelgos dixitais, machine learning e ferramentas avanzadas de análises para controlar eficientemente os fluxos enerxéticos e as regras de mercado interno de enerxía, mentres se aseguran a interoperabilidade e a ciberseguridade”.
Ademais, ENEPORTS estudará a viabilidade da utilización, nunha zona portuaria, dun novo dispositivo multifonte que produce enerxía a través da tensión dos cabos de amarre, en combinación cunha turbina hidráulica e paneis solares. Amais, probarase a viabilidade dun dispositivo de sistema de enerxía en terra (OPS) para remolcadores, baseado nun xerador de combustión alimentado por hidróxeno, e compararase con outras alternativas existentes.
ITG achega a súa experiencia no desenvolvemento de tecnoloxía para comunidades enerxéticas, que adaptará para cada área portuaria no marco de ENEPORTS, da man de ITER, Universidade de Galway e as autoridades portuarias, instalando sistemas específicos de monitoraxe e control e desenvolvendo xemelgos dixitais dos sistemas renovables. A maiores, o ITG apoiará ás autoridades portuarias no deseño da metodoloxía para o despregadura de laboratorios renovables, e colaborará nas demostracións de viabilidade do sistema multifonte e do OPS con hidróxeno
O ITG creará tecnoloxía para fomentar a xeración de enerxía verde en portos
Compartir Este Artigo

