Co gallo do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro mércores 4 de outubro no Pazo de Fonseca (Santiago), a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) quer recoñecer coas Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo). Coa quinta edición deste galardón, quérese valorar as traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, amais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.
Os premiados serán: Aurora Grandal, medalla na sección de Química e Xeoloxía; David Posada, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde; Jesús Salgado, premiado en Ciencias Económicas e Sociais; Fernando Obelleiro, no eido das Ciencias Técnicas e Ricardo Cao, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.
Aurora Grandal d´Anglade (Ferrol, 1964) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. Doutora en Bioloxía da UDC, dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal; onde creou o Laboratorio de Paleontoloxía Molecular, pioneiro no territorio nacional. Puxo en marcha un laboratorio específico de ADN antigo, único en Galicia. Céntrase no estudo dos mamíferos fósiles dos xacementos galegos e dirixiu as campañas de escavación nos xacementos paleontolóxicos de Cova Eirós, Liñares e Pala do Rebolal; así como campañas de recuperación de restos óseos en covas do Courel e Mondoñedo. Salienta o seu estudo interdisciplinar de Elba, a muller mesolítica de Galicia, o resto humano máis antigo atopado na nosa comunidade.
David Posada González (Vigo, 1971) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. É catedrático de Xenética na Universidade de Vigo. Formouse en Galicia, Estados Unidos e no Reino Unido; traballou no Centro de Investigación do Cancro do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. As súas liñas de investigación están no campo da evolución molecular e a bioloxía computacional. Subliñar os seus achados para a reconstrución de árbores filoxenéticas a través de ferramentas bioinformáticas; os seus estudos sobre a orixe e evolución do VIH, virus causante da SIDA. Desde hai uns anos céntrase no estudo da evolución xenómica do cancro, para o que abriu en 2015 un laboratorio específico. Durante a pandemia da COVID-19 promoveu a creación dun consorcio cas tres universidades e os sete grandes hospitais galegos para a monitorización da evolución xenómica do SARS-CoV-2 en Galicia.
É coautor de dúas patentes sobre marcadores xenéticos de centola. Cómpre destacar que é o único español cun artigo entre os 100 máis citados da historia da ciencia.

Fernando Obelleiro Basteiro (Forcarei-Pontevedra, 1968), catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo foi elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Co seu equipo desenvolveu un método no ámbito do electromagnetismo computacional que supuxo un cambio na dirección das investigacións neste eido. As súas contribucións científicas están a ter aplicación na industria (sectores de telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa). Mantén unha estreita colaboración con Navantia e a Armada Española, introducindo importantes melloras nos buques militares desde o punto de vista do electromagnetismo computacional, axudando a maximizar as probabilidades de supervivencia nos buques en escenarios hostís.
Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965), recibirá a medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade da Coruña, a Academia recoñece a aplicación dos seus traballos en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira. Ten desenvolto unha intensa actividade en consultaría estatística en ciencias da saúde, no contexto da enxeñaría naval, no sector comercial e na industria. Desde marzo de 2020 preside o comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus, creado polo Comité Español de Matemáticas. Foi nomeado Fellow do Instituto de Estatística Matemática e galardoado coa Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa. Na actualidade lidera un proxecto do Instituto Nacional de Estadística (INE) para a mellora do procesamento de datos.

