Teimas, firma galega centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a xestión profesional de residuos e a economía circular, vén de lanzar Zero Autumn Release 2023, unha versión mellorada do seu software Zero co que a compañía quere “axudar ás empresas para cumprir coas normativas de sustentabilidade e protexer o medio ambiente”.
Segundo explican dende Teimas, na actualidade “as empresas convertéronse en actores imprescindibles para protexer os recursos, o medio ambiente e a saúde das persoas”. Isto, engaden dende a empresa con sede en Santiago, acontece nun contexto en que moitas políticas, tanto nacionais como internacionais, impulsan a dixitalización da xestión de residuos a través de solucións tecnolóxicas que ofrecen datos correctos e completos que xeran impactos reais. Así, para “axudar ás grandes corporacións a facer fronte a este cambio na mentalidade e funcionamento empresarial”, Teimas lanzou ao mercado en 2018 Zero, unha plataforma de xestión na nube co que as empresas optimizan a súa xestión de residuos, asegúranse cumprir coa normativa vixente e conseguen axilizar a preparación de inspeccións, auditorías e memorias de sustentabilidade.
“Grazas a Zero, as empresas dispoñen, nun único lugar, de toda a información sobre a xestión dos seus residuos, o que facilita a consulta histórica de datos e a creación de informes”, explican os responsables da firma galega, engadindo que a plataforma utiliza “tecnoloxía de cadea de bloques, Blockchain, para controlar os movementos dos residuos xerados, o que permite certificar a súa rastrexabilidade”.
Con Zero, explica Teimas, “as multinacionais conseguiron controlar a xestión dos seus residuos, un labor imprescindible para cumprir coa aplicación da futura normativa europea de adaptación da directiva sobre dilixencia debida en materia de sustentabilidade”.

Outras importantes novidades que inclúe a nova versión Zero Autumn Release 2023 é que permite introducir información de abonos ou cargos asociados aos traslados de residuos e, tamén, que a partir de agora, as empresas poderán incluír tarifas por cada tipo de residuo ou por grupo de residuos, o que axudará ás compañías para coñecer e controlar mellor os datos económicos asociados.
Ademais, con esta actualización de Zero, as empresas poderán tramitar a documentación legal de residuos non só en España se non tamén en Portugal, a través da plataforma, e empregar un documento propio de rastrexabilidade de residuos no resto de países.

