
O dito concurso ábrese a todo o alumnado dos centros galegos, en especial aos que imparten o Bacharelato STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e aos centros estatais que imparten o programa de Bacharelato Internacional. Poderase participar de maneira individual ou en grupos de non máis de 4 integrantes, baixo a supervisión dun profesor do centro ao que pertenzan. Os proxectos investigadores que se presenten han estar realizados ao abeiro dos cursos 2021-22, 2022-23 ou 2023- 2024.
As bases, que se poden consultar na ligazón específica habilitada, indican que as liñas de traballo que deberán seguir os proxectos concorrentes xirarán arredor de dous grandes eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á Intelixencia Artificial e as ideas básicas que suxire o lema desta edición do Premio: Intelixencias. Deste xeito, poderán concorrer proxectos vencellados aos campos da bioloxía e xeoloxía, da física e a química, das matemáticas, do ámbito tecnolóxico, das ciencias sociais ou traballos artísticos.
Recoméndase que os proxectos participantes estean adaptados en estrutura e contido aos parámetros dun traballo de investigación que puidese culminar nun artigo susceptible de ser publicado en revistas científicas. Os textos seguirán as pautas habituais das publicacións científicas.
O prazo de presentación remata o 1 de marzo de 2024. O 12 de abril daranse a coñecer os finalistas e o día 19 dese mesmo mes, realizarase unha exposición pública de cada traballo seleccionado como finalista ante o xurado no IES Plurilingüe Rosalía de Castro. A entrega dos galardóns será no Auditorio deste centro compostelán.
O IES Rosalía de Castro convoca a VI edición do Premio Stephen Hawking coordinado por Amparo Alonso
Compartir Este Artigo

