
A proba celebrouse o pasado venres, 12 de abril, nos tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan Graos en Enxeñaría Informática: Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC), e Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVIGO) no Campus de Ourense.
A cita buscaba aos mellores equipos universitarios de programación competitiva. Así, equipos de tres estudantes competiron en diferentes categorías segundo o seu curso de estudos. Participaron 24 equipos entre as tres sedes que durante as catro horas de concurso enfrontáronse a 11 problemas de diferente dificultade.

-Categoría A (equipos de alumnado de 1º curso): Equipo da Universidade da Coruña formado por Hugo Herrador Segade, Lucía Hevia González e Iago Rivas Moar.
-Categoría B (equipos de alumnado de 2º curso): Equipo da Universidade da Coruña formado por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez.
-Categoría C (equipos de alumnado de cursos superiores): Equipo da Universidade de Santiago de Compostela formado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso. Foi o equipo gañador xeral, conseguindo resolver 9 dos 11 problemas.

Ademais, houbo premio para os gañadores de cada sede. Na UDC, o equipo gañador coincide co equipo gañador da categoría B, composto por Ana Barrera Novas, Javier Carballal Morgade e Paula Taibo Suárez. Na USC, o equipo gañador tamén coincide co equipo gañador da categoría C, composto por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso. Finalmente, na sede de Ourense da UVigo o equipo gañador estivo formado por Lucas Canle de Andrés, Sergio González Rodríguez e Santiago Rodríguez Romero.

AdaByron é un concurso que nace na Universidad de Madrid e que desde 2022 está aberto a outras comunidades. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios. A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando a súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, creatividade, innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.
O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX, célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica. Para máis información podemos consultar a web da edición galega do certame.
O equipo da USC gaña o concurso de programación universitaria AdaByron Galicia 2024
Compartir Este Artigo

