
As instalacións de EXPOCoruña acollerán esta fin de semana unha nova edición de ExpOtaku, evento no que se mesturan as culturas do anime, do cosplay e dos videoxogos, para que os afeccionados poidan gozar entre o venres e o domingo dunha chea de actividades, vivir experiencias con outras persoas coas que comparten intereses, e descubrir tamén expresións artísticas, disciplinas artesanais e incluso aplicacións da tecnoloxía a estes ámbitos.
O evento permite a compra anticipada de billetes a través da Internet (aínda que as entradas anticipadas para o sábado xa están esgotadas), aínda que tamén será posible acudir ao despacho de billetes do recinto feiral durante a celebración do evento (cun prezo superior ao das entradas anticipadas).
Aínda que non serán poucos os que se acheguen a ExpOtaku para ver en persoa a varios dos actores de dobraxe de As Bólas Máxicas (como Gonzalo Faílde e Julio Lorenzo), nos 5.500 metros cadrados reservados no evento ao que acoden preto de 150 expositores repartiranse unhas 260 actividades que se adaptarán aos variados intereses dos afeccionados á cultura nipoa (e afíns).
Cómpre salientar a presenza de CESUGA nunha zona de deseño e desenvolvemento de videoxogos; un espazo organizado pola comunidade Ociorum que permite gozar libremente de videoxogos retro de consolas como a Nintendo 64, a PS2, a Dreamcast ou a Super Nintendo; estarán presentes unha boa mostra de desenvolvedores de videoxogos independentes; por parte de Project Droid teremos actividades relativas ao mundo da robótica; dende XPPEn tamén realizarán demostracións e obradoiros sobre o uso das súas populares tabletas gráficas (contando incluso coa presenza do ilustrador Juanjo López); e tampouco faltarán as zonas de xogos libre a consolas actuais e os torneos de videoxogos.
Sen nova edición da Hobbycon
Aínda que habitualmente a celebración de ExpOtaku marcaba o inicio da axenda friki coruñesa para o verán, desta volta a situación é un tanto diferente, xa que estes días dende a organización da Hobbycon, cita que tería que celebrarse a mediados de xullo no recinto de PALEXCO, está a dar conta da cancelación do evento de lecer alternativo que o ano pasado celebraba o seu décimo aniversario.
Dende a Hobbycon aseguran que o ano pasado pecharon un acordo verbal da Deputación da Coruña para colaborar co evento, o que levou a elevar o investimento económico realizado, sobrecusto que non foi compensado de ningún xeito polo ente público, levando á que a celebración dunha nova edición de verán fose inviable.
A cancelación da Hobbycon por falta de respaldo público é algo que sorprende, pois dende a Deputación aseguraban apoiar o evento na prensa e en redes sociais, o que non se correspondería coa realidade, provocando a desaparición dunha actividade que conseguira manterse sen axudas públicas durante a súa primeira década.
Deste xeito, PALEXCO desaparece da axenda de eventos deste tipo, quedando coa exclusiva dos mesmos o recinto de EXPOCoruña, onde se celebra a EXPOtaku (esta semana) e a Japan Weekend (previsiblemente no mes de outubro).

