Os vinte proxectos que participan na oitava edición da aceleradora Business Factory Auto (BFAuto) teñen en común o seu alto nivel de innovación e tamén o seu importante compoñente tecnolóxico. Así o vén de afirmar o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), impulsor desta iniciativa que ten por obxectivo amplificar o alicerce do sector na nosa terra “atraendo empresas de carácter tecnolóxico”.
O IGAPE engadiu que en total presentáronse 130 candidaturas á convocatoria, das que oito son proxectos que proceden de fóra de Galicia: dous internacionais, de Holanda e Francia; e seis nacionais, de Santander, Barcelona, Madrid, Sevilla, Navarra e Lleida. Esta é unha das tres novas convocatorias comprometidas ata 2026, coas que se prevé dar apoio a 60 iniciativas.
Os 20 proxectos seleccionados responden aos retos tecnolóxicos propostos por compañías como Akwel Vigo Spain, Denso Sistemas Térmicos España, Lear, Magna Seating Vigo, Maier Ferroplast, SMRC, Snop Estampación, Stellantis o Plastic Omnium. En concreto, as liñas de investigación están vinculadas coa sustentabilidade, a electrificación e as novas formas de mobilidade.
Entre os proxectos figuran propostas como plataformas modulares baseadas en Intelixencia Artificial; robots móbiles autónomos para optimizar a loxística; estacións modulares para o intercambio e carga de baterías; sistemas de carga solar ou de refrixeración líquida de compoñentes; xemelgos dixitais; unha motocicleta adaptada eléctrica de tres rodas; equipos especializados para talleres, entre outras.
BFAauto destaca entre outras cousas por ofrecer o acompañamento necesario nos primeiros pasos de todo proxecto innovador que xurda no eido da mobilidade. Os participantes contarán con titorizacións e recursos para dar forma ás súas ideas e convertelas en conceptos empresariais, con formación específica adaptada ás necesidades de cada un; ou con obradoiros grupais impartidos por expertos de prestixio no ámbito nacional e internacional.
O compromiso da Xunta é que “Galicia siga sendo un referente para o conxunto do sector en España” e para iso a aposta seguirá sendo a vía da colaboración e o diálogo co resto de integrantes do comité executivo da BFAuto: o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (CEAGA), Stellantis, o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e Vigo Activo Sociedade de Capital Risco.
Os vinte proxectos que van participar no 8º BFAuto descatan polo seu alto nivel tecnolóxico
Compartir Este Artigo

